A Universidade da Coruña realizará unha oferta de 4838 novas prazas entre grao e máster para o curso 2025/26

Nota de prensa

30/01/25 14:20

  • Institucional
Image
  • Na súa reunión do Consello de Goberno, aprobouse esta proposta que deberá ser ratificada pola Xunta de Galicia. 
  • Ofreceranse 6 novos másters, chegando aos 67 títulos de  máster e 54 graos. 
  • O equipo de Goberno comunicou a decisión de suspender a actividade oficial na rede social X a partir do sábado, día 1 de febreiro. 
  • Coa incoación do expediente de desafectación iniciouse o proceso de venda do edificio da Politécnica de Serantes.

 

A Coruña, 30 de xaneiro de 2025.- A Universidade da Coruña acaba de aprobar a proposta de prazas de grao e máster para o curso 25/26, que agora será enviada á Xunta de Galicia, para o seu visto e prace definitivo. En total serán 4838 prazas de novo ingreso, que se dividen en 3057 de grao e 1881 para máster.  

Así, no seguinte curso académico ofertaranse un total de seis novos másters universitarios: O de Realidade Extendida; Ciencia do Exercicio, Preparación Física e Readaptación Deportiva; Economía Circular, Ensinanza do Español como Segunda Lingua; Cronicidade e Novos Modelos de Atención Sociosanitaria e Informática Industrial e Robótica. A eles súmase a posta en marcha da modalidade online no Máster de Tecnoloxía Téxtil e Moda Sustentable, que se imparte no Campus Industrial de Ferrol.

No Consello de Goberno celebrado hoxe tamén se aprobou o regulamento de ordenación de programas académicos de simultaneidade de dobres titulacións de grao e máster con itinerario específico, é dicir, aquelas titulacións que permiten ao estudantado obter dúas titulacións diferentes ao mesmo tempo, se superan todas as materias do plan formativo.

A Universidade da Coruña ten adecuada a súa oferta académica de graos coa implantación progresiva de distintos Programas de Simultaneidade de dobres titulacións desde o curso 2011/12, contando actualmente con 7 programas de simultaneidade de graos que ofertan un total de 134 prazas.  

Estes programas contan cunha gran demanda e un elevado nivel académico. Desde a súa implantación teñen posibilitado a incorporación de egresados ao mercado laboral cunha formación de calidade, ampla e  enormemente multidisciplinar.

 

Regulamento PDI

En materia docente, e en adaptación á LOSU, aprobouse a normativa pola que se regula a dedicación do persoal docente e investigador (PDI), texto no que se recolle a capacidade máxima de dedicación do profesorado, que será de 240 horas, ao tempo que se regula a capacidade docente de cada figura de profesorado por curso académico.

 

Desafectación de Politécnica de Serantes

O Consello de Goberno aprobou a incoación de expediente de desafectación e venda do edificio de Serantes, conformado pola antiga Escola Universitaria Politécnica e a denominada Casa do Cura, unha pequena edificación, propiedade da universidade, que nunca tivo ningunha función asignada e que se atopa ao carón da Escola Universitaria.

Con este trámite, iníciase formalmente o proceso de venda deste inmoble, un paso que debe ser autorizado polo Consello Social. Unha vez desafectado, terá lugar a poxa pública. Trátase de inmobles sen uso docente nin investigador, cunha superficie total de 11 000 metros cadrados e un valor catastral superior aos 7 millóns de euros.

 

Suspensión de actividade en X

Por último, o equipo de Goberno comunicou a decisión de suspender a actividade oficial na rede social X (anteriormente coñecida como Twitter) a partir do sábado, día 1 de febreiro. Unha medida adoptada en sintonía coa CRUE (Conferencia de Reitores das Universidades Españolas), que reflicte o compromiso institucional de promover un espazo dixital respectuoso e inclusivo.

A decisión foi tomada tras unha análise exhaustiva, que tivo en conta tanto o impacto desta acción na comunicación institucional como o aumento significativo de discursos de odio, desinformación e polarización na devandita plataforma, comportamentos que contradín os valores fundamentais da UDC.

A UDC súmase así ao camiño que xa tomaron outras universidades e institucións, representantes gubernamentais, medios de comunicación e outros profesionais.

No seu informe o reitor, informou dos avances realizados polos grupos de traballo para a os novos estatutos da UDC, así como de próximos procesos electorais, que serán os da representación do estudantado de claustro e xuntas de centro, cunha convocatoria que terá lugar na segunda semana de febreiro.

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC