19/12/25

RECOMENDACIÓNS DE NADAL 2025

 Bo Nadal, pequenas e pequenos grandes lectores!

Que estas festas estean cheas de ilusión, risas e moita maxia.
Que cada páxina dun libro vos leve a un novo mundo cheo de aventuras, soños e amizade.

Lembrade: ler é viaxar sen saír do sitio, e cada historia é un agasallo para o corazón.

🎄✨ Bo Nadal e un Aninovo cheo de contos marabillosos! ✨🎄


DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DIVERSIDADE FUNCIONAL


Image
Para celebrar o día Internacional  das persoas con Diversidade Funcional, organizáronse no noso centro dúas actividades.

A primeira, era facer a carreira ENKI, que tivemos que pospoñer por mor do tempo atmosférico, onde vai participar toda a comunidade educativa. Enki  é  unha organización sen ánimo de lucro que traballa dende 2013 por un mundo máis inclusivo. 

A inclusión só é posible se todos participamos: organizacións, escolas, empresas e particulares.

A segunda actividade estaba relacionada con produtos de apoio , onde da man da asociación Euroeume aprendimos, creamos e compartimos experiencias que nos amosaron a importancia de adaptar diferentes recursos e materiais do día a día, co fin de facilitar a vida cotiá a moitas persoas. 

Preme na seguinte imaxe e verás unha pequena presentación , relacionada cos produtos de apoio.

Image


26/11/25

#TOD@SCO25N

Image

Este día non é só unha data no calendario, é un chamamento á conciencia colectiva, unha oportunidade para alzar a voz contra unha das maiores inxustizas que aínda persisten na nosa sociedade: a violencia de xénero.

Por iso no noso centro, estivemos moi activos e activas, para  non permanecer indiferentes. A violencia de xénero é unha cuestión social, unha responsabilidade colectiva. Cada persoa, cada institución, cada comunidade ten un papel fundamental na súa erradicación. É necesario educar en igualdade, fomentar o respecto e promover relacións baseadas na empatía e na liberdade.

Deixámosvos cunha recopilación das diferentes actividades, obradoiros, etc,..., que ao longo destes días estivemos a realizar para que este 25 de novembro non quede só nas palabras e que xuntas e xuntos, construamos un futuro libre de violencia. Un futuro no que o respecto e a igualdade sexan a base da convivencia. Porque sen igualdade, non hai xustiza. E sen xustiza, non hai paz.


22/11/25

O DÍA DA INFANCIA

A rapazada de 3º e 4º de EP e dous representantes de 5º e outros dous de 6º de EP, foron este mércores 19 , á Casa da Cultura en Pontedeume para celebrar o Día da Infancia, e xunto con outros colexios da contorna, expoñer en público as súas inquedanzas e propostas.

Foi un día moi especial!!!

Celebrouse o Día da Infancia, unha data que nos lembra a importancia de coidar, escoitar e respectar ás nenas e aos nenos , porque son o presente e o futuro da nosa sociedade.

Queremos agradecer á casa da Cultura de Pontedeume, por acollernos e ofrecernos este espazo para compartir o noso traballo , as nosas ilusións e as nosas voces.

Tamén queremos dar un agradecemento moi especial á Asociación EuroEume , pola súa colaboración e polo esforzo que fai cada ano para que este día sexa posible. Moitas grazas por acompañarnos, por organizar actividades tan divertidas e educativas.

Foi un día de festa, pero tamén unha oportunidade para lembrar que cada neno e cada nena merece medrar nun ambiente de respecto, igualdade e liberdade.

Que nunca falte o sorriso, a amizade e a esperanza!!!



Image

Image


17/11/25

Magosto polo San Martiño

Image

 Este pasado martes día 11 de novembro, celebramos o magosto, onde grazas á Asociación cultural do Olmo, e a súa fantástica máquina de asar castañas, feita dun bombo de lavadora, foi posible desfrutar do tradicional magosto, co obxectivo de non esquecer o noso Patrimonio Cultural. Ademais, tivemos xogos con castañas, e non podía faltar o baile dos peóns, pois nesta data é ben sabido o dito: 

"Polo San Martiño, peóns ao camiño."

Resultou unha xornada moi educativa e divertida!!!

Image

16/11/25

O Samaín- Tradicións con Patrimonio Cultural-Natural

 O Samaín  non podía faltar como celebración que tanto gusta ao alumnado. Por este Samaín, fixéronse cabazas terroríficas  baseadas en animais , pois queriamos facer un guiño ao noso Proxecto de centro Integrado , que está relacionado cos ecosistemas.
Abofé que lles quedaron estupendas!!! Moitas grazas a todas esas familias que participaron para poder decorar os nosos corredores.
Tamén tivemos merendas terroríficas, onde a rapazada trouxo e compartiu merendas polo Samaín, coas familias, mestres/as, etc,... Elaboráronse colares de zonchos, para non perder o noso Patrimonio Cultural, relacionado co día de Todos os Santos.





23/10/25

UN NOVO CURSO , MIL HISTORIAS POR DESCUBRIR

Benvidos/as a este novo curso 2025/26, onde a nosa rapazada voluntaria de biblioteca xa estivo a preparar moitos elementos esenciais para abrir as nosas portas á aventura da lectura, xogos, radio, etc,...

Image

Mañá teremos a partir das 13 horas, a presentación do Día de Bibliotecas, onde algunha rapazada do voluntariado de biblioteca de 6º de primaria, entregará mochilas viaxeiras e caixas da radio, e presentará o noso novo proxecto.

Tecendo vida: Unha viaxe polos ecosistemas

Image

Esperámosvos a todos e a todas !!!

Deixámosvos coa cuña publicitaria relacionada co noso Proxecto de centro, deste curso escolar 2025/26.

Image


 Magnífica xornada para facer a entrega das mochilas viaxeiras e das caixas da radio Lorolareto, para tecer camiños polos ecosistemas da nosa contorna e da  nosa autonomía.
A rapazada voluntaria de 6º de primaria, agasallounos coa lectura do conto : 

El último árbol

Quixeron facer fincapé na importancia que ten o coidado dos nosos ecosistemas, en especial dos nosos bosques, que tanto precisamos para poder seguir vivindo.
A rapazada gozou moito e as mestras titoras levaron con moito ánimo e gañas as mochilas viaxeiras para o seu alumnado, e as caixas da radio, co fin de traballar os diferentes ecosistemas.

“Protexamos os ecosistemas e protexeremos a vida.”

8/6/25

FEIRARTE- 2ª Mostra de proxectos- curso 2024-25

 Mañá, luns 9 de xuño, imos realizar a segunda feira de final de curso na que se presentarán algúns dos proxectos realizados ao longo deste. 
 
Quedades todos/as convidados/as a asistir a este gran evento que porá o colofón final a todo o traballo realizado polo noso alumnado.
Tal e como se indica, o horario de visita á feira será de 16:30 horas ata as 18:00 horas, polas instalacións do centro. 
 
Non perdades a oportunidade de visitala.
Agardámosvos! 

Image


RECOMENDACIÓNS LECTORAS -VERÁN 2025

 Este curso está chegando ao final, e por iso Raioteca proponvos algunhas lecturas para gozar durante este período estival de grandes aventuras, poesía, libros informativos, etc,... 
Non esquezades que tedes moito tempo para crear, ler e gozar da familia.
Boas lecturas!!!

#SenContaminaciónPorPlástico

DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE

 5 de xuño

Image

A contaminación plástica esténdese a todos os recunchos do planeta, incluído o corpo humano, en forma de microplásticos.  Este ano 2025 o Día Mundial do Medio Ambiente pide unha acción colectiva para abordar este desafío global.

Este Día Mundial do Medio Ambiente celébrase exactamente dous meses antes de que os países se reúnan de novo para continuar as negociacións para un tratado mundial contra a contaminación por plásticos.

Lembra que se traballamos xuntos podemos construír un futuro moito mellor e máis saudable.

No noso centro, temos patrullas medioambientais , onde fan recollida selectiva de papel, envases e de materia orgánica das nosas parvas para a creación de compost , que logo usamos no noso horto escolar e na nova prantación de árbores froiteiras, co obxectivo de seguir creando o bosque comestible.

Da recollida de plástico, encárgase a rapazada de 4º de primaria, cada mércores e venres, vai polas diferentes aulas do colexio para selecionar e recopilar os envases no colector axeitado.

Nesta presentación poderedes dar unha ollada a todo o que se fixo no centro para mellorar o medio ambiente.

Bo traballo rapazada!!!




Quizais tamén che interese

Related Posts with Thumbnails