E pasou o Nadal

Image

E un Nadal máis. Este ano non houbo porcos na Refontán, nin se apañou millo, nin tan sequera se deixou a mesa sen recoller para as almiñas na Noiteboa. Polo menos a cea estivo completa cos bois, langostinos e ameixas e as sobremesas de Nadal coas chulas de viño. E logo apareceron os agasallos.

O día de Nadal estivo fantástico con bo tempo e abrimos portas a coche e canastro.

Un Nadal máis.

Hai parvos soltos

Image

Esta semana houbo dous días de folga no ensino para pedir melloras na ratio, nos medios e outras cousas para que non pase isto de recoller ignorantes.

Isto vén a que me saiu un vídeo dun cubano que traballa en España e que recibiu a súa primeira cesta de Nadal. Nos comentarios todos se aledaban por el ata que apareceu o típico parvo que dixo algo de ‘ Inmigrantes fuera. Poco os queda.’ Este comentarista non sabe que hai dúas razas de humanos: os ricos e os pobres e que seguramente o comentarista é da mesma raza ca o cubano que oxalá siga recibindo cestas de Nadal muitos anos.

Cesta 2025

Image

Hoxe empecei a ir ao fisio pola man. Empecei cubrindo a man con parafina quente para amolecer os tendóns e despois tocou bomba de magneto que é coma un TAC que manda radiación eléctrica para que solde ben o ósiño. Non doi e xa me dixo a fisio que xa me doerá cando empece ela.

Despois fun polo choio a coller a cesta que é máis pequena ca o ano pasado. Trae dúas botellas de tinto Rioxa e un branco galego (faltan o vermú e o champán). Despois unha botelliña de 250 ml de aceite ( o ano pasado era de medio litro ). De turrón hai torta de Alacant «El lobo» e turrón de Xixona «El lobo» ( falta o turrón de chocolate ). Despois hai polvoróns, trufas de chocolate e bombóns. En canto ás latas hai unha de mexillóns, outra de zamburiñas, outra de anchoas e mais unha de paté de polbo. Tamén hai un bote de bonito e outro de espárragos e un paquetiño de galletas mariñeiras ( máis pequeno ca o do ano pasado ). En canto a embutidos a cantidade e a marca son iguais ca o ano pasado: chourizo ibérico, salchichón e xamón. E na foto non sai o queixo que aínda non chegou. Comprobei con outros anos e é parecida á de hai dous anos.

E isto é o que hai. E que para o ano se repita e, a poder ser, que se multiplique.

Días sin escuela

Image

«Días sin escuela» é unha novela gráfica escrita por Elena Uriel e debuxada polo seu home Sento. Hai case trinta anos acolleron a Denis, un neno bosnio musulmán e a novela gráfica trata sobre a guerra dos Balcáns tal como a viviu Denis e a súa familia. Tiveron que fuxir da casa e o pai separouse deles. Logo volveron xuntarse pero aí non acabaron os problemas porque tiveron que fuxir a outro sitio e separarse por muito tempo. Pasaron fame, frío, calor e penalidades diversas. Vaia, o que acontece con todas as guerras.

Gustoume a historia e agardo que haxa segunda parte con Denis na etapa española.

Na foto unha imaxe onde sai un xovencísimo Arturo Pérez-Reverte retrasmitindo dende Mostar.

Máis liberdade

Image

Onte fun ao traumatólogo e dixo que tiña para un mes máis polo menos. Xa podo sacar a muñequeira na casa e hai que empezar con rehabilitación e magneto e que seguro que me vai doer ata dentro uns nove meses, dixo. Así que teño a liberdade de non ter que ir ao choio e podo adicar o tempo a ler e a pasear.

Na foto, a estatua da liberdade versión infantil nun parque de Vilaguindastre adornando o Nadal.

Por aquí ando

Image

Pois é. O TAC da man deu de resultado unha fisura no óso piramidal da man. Agora estou pendente dunha cita co traumatólogo para que diga o que hai que facer.

Estiven escarbando nas fotografías do ordenador e non tiven tempo para postear. Cando xa podería escribir collín unha gripalleira ben boa que non me deixou durmir tres noites que me doía todo. Agora xa estou case recuperado pero ata perdín tres quilos.

Na foto, adicada ao 20 N, tamén poderían coidar a lingua, non?

Naipelo no dicionario

Image

O idioma segue a latexar aínda que alguén poña un ‘che’ no canto dun ‘te’ por descoñecemento ou por ser dunha zona concreta. Ao que ía; o idioma evoluciona e agora a RAG inclúe a palabra ‘naipelo’ coma un neno que aínda non anda. Aínda non hai muito Ester Estévez dicía que era unha palabra fea e que non estaba admitida pero eu xa a usei cando naceu o Leo hai dezanove anos e no Tesouro Informatizado da lingua galega xa está rexistrada dende finais do século XIX. Agora poderían incluir as palabras ‘nécoro’ para neno acabado de nacer e ‘xoubiña’ para nena acabada de nacer. As dúas palabras escuiteinas eu no hospital cando naceron o meu fillo e a miña filla. Eu non sei pero dáme que esas palabras usábanse para espantar meigallos e demos. Non sei.

O meu San Martiño

Image

O meu san Martiño chegou tarde, pero chegou. Hoxe no choio collín un saco mediado dun palé e non mirei un flexe que me enganchou o pé e caían de fronte coma un mallo e magoei un xeonllo e escordei o pulso esquerdo e agora estou de baixa. Canto tempo aínda non o sei que mañá me farán un TAC a ver se rompín cordas na man porque na radiografía non saiu ningún óso roto.

Na foto poño un anaco do parte médico onde me detectaron unha enfermidade actual rara.

Cazata de alunos

Image

O outro día chegou o Leo todo alporizado despois do resultado dunha proba de galego. O que teño na foto é un dos varios exercicios que tiña que facer. Neste exercicio dáballe dous puntos por el pero descontaba 0,10 por cada erro así que como os exercicios eran deste estilo non aprobou ninguén e o Leo sacou a nota máxima cun 3,05.

Isto é o que chamo eu unha cazata de alunos. Debe de pensar o profe que teñen que estudar o dicionario enteiro, digo; os dicionarios enteiros, o de galego e o de español.

A ver como acaba o curso.

Noite «máxica»

Image

Hoxe é a noite dos calacús. Na TVG dixeron que é a noite máis máxica; supoño que esqueceron a noite de San Xoán ou mesmo a Noiteboa. Tamén dixeron que a princesa Leonor hoxe ‘cumpre’ vinte anos. Supoño que os fará. Necesitan correctores na TVG.

Pois si, hoxe é unha noite de terror e Vilaguindastre está cheo de mecos que van polas portas e os comercios mentres non vén a chuvia. Eu teño que traballar eo terror que hai alí é o mal ambiente que o outro día houbo unha agarrada entre dous compañeiros, dous machos alfa que discutiron polo traballo, coma se fose tan importante para chegar case ata as mans.

Diseña un sitio como este con WordPress.com
Comenzar