“Empecemos de cero”.
As frases perden o significado no mesmo intre no que acabas de pronuncialas. As verbas poden ser ambiguas. Non existe a concreción. Onde está o cero? O cero vén sendo a partida, a chegada, o espazo despois da chegada, o espazo trala saída…
Non podo comezar o que xa está acabado. Non podo querer coñecer o que xa coñezo. Pasou tan pouco tempo e tanto. Estes últimos días fixéronse anos e velaquí estou no mesmo punto tras segui-los acenos da espiral. Dei unhas cantas voltas para reatoparme cunha savia verde e fresca que flúe, que corre; é a vertixe do sangue fresco.
Iniciámo-la partida do “quen é quen” cun primeiro convite proposto desde o peirao de area e pinceis. O teu barco recolleu a carga e estivé-mola baleirando e cargando dun lado a outro durante horas coa ilusión dos comezos e a desilusión dos finais. No remate, a verdade soprou a nube escura que enturbiou de lama as caras do xogo. Chegou o momento de lanza-la última proposta do “quen é quen” e cando baixáche-la ficha do taboleiro a faciana do xogo non coincidía coa túa. As cores volvérense grises. E eu xa non souben nin con quen estaba a xogar, nin de quen tiña que averigua-la identidade. O único certo? Eu era e son eu.
As excusas, as circunstancias non son válidas. As regras do xogo non poden mudar ó chou e sen previo aviso ós concursantes. Inda non se fabricou a maquillaxe perfecta para enmascara-la mentira.



Deixar un comentario