23/12/14

Selma en 2014


Image

Nos dous anos anteriores editara senllos vídeos coas andanzas da miña filla
Por aquilo de completar a triloxía, velaquí a produción correspondente a 2014
Se en 2012 me abraiaran os seus progresos, en 2013 fora a súa inquedanza
Pois ben, os últimos doce meses representaron o paso a unha certa madurez
A meniña viviu unha auténtica eclosión no tocante ás maneiras de expresarse
Non só oralmente, senón tamén a través de artes coma a música ou a pintura
Penso que resulta patente tralo visionado destas escenas, moitas delas cotiás
As actividades de Preescolar na Casa foron fonte de entretemento todo o ano
Varias delas figuran nas primeiras secuencias, antes das vacacións do verán
O paso ao estío supuxo a multiplicación de ofertas culturais para os raparigos
Foi o tempo dos concertos, coma o de María Fumaça no Festigal, en Santiago
Ou as actuacións de Magín Blanco na Coruña, en Palas ou en Lugo mesmo
A modo de fío condutor, escollín o Rocanrol Dragón, gravado nas tres sesións
A fins do verán, pasamos unha tarde inesquecible co meu primo Beni Montero
-Falecido hai uns días, así que queda aquí constancia como recordo especial-
As incontables horas que botamos nuns cantos parques tamén teñen un oco
Logo, co outono, a diversión seguiu da man das festas luguesas ou o magosto



Son parénteses no marco dunha rutina que chegou co inicio do curso escolar
O colexio veulle ben para afacerse a deitarse cedo e a comer con máis ansia
E tamén para desenvolverse, con maior soltura, nunha fala cada día máis rica
Por outra parte, tamén está a ir á piscina, onde a nosa sereíña o pasa bárbaro
Agardamos que o ano entrante dea aínda máis de si e que vos sexa próspero

Image


21/11/14

Os Smiths


Image

Con este título non me estou a referir á mítica banda liderada por Morrisey
Só trato de renderlles un pequeno tributo a tres organistas así apelidados
Comezarei polo que se cadra sexa o máis coñecido deles, Jimmy Smith
Falecido hai case dez anos, era o máis vello dos tres virtuosos do órgano
De entre as súas numerosas pezas, destacarei "Root Down (And Get It)"
O tema ten un inicio pegadizo, que fora popularizado polos Beastie Boys


Do mesmo álbum é esta interpretación dun arquicoñecido tema de Al Green
Jimmy Smith tocou con algúns dos mellores músicos de jazz do seu tempo
En particular memorables son as súas colaboracións con varios guitarristas
É o caso dos monstros das seis cordas Kenny Burrell e Wes Montgomery
Con este último editara unha versión da panxoliña "Baby, It's Cold Outside"




O segundo organista que quixera homenaxear é o tamén finado Johnny Smith
A súa mestría co órgano Hammond era tal que chegou a ser o seu sobrenome
Sirva de mostra este tema, "Soul Talk", do álbum homónimo publicado en 1969


Johnny 'Hammond' Smith mantivo unha frutífera relación musical cos irmáns Mizell
Como teclista estelar que era, dedicouse a interpretar os temas que lle compoñían
O cumio desa simbiose foi a produción dun discazo co acertado nome de "Gears"
-Contén pequenas xoias como esta "Fantasy" ou "Los Conquistadores Chocolates"-
Corría o 1975 e as engrenaxes funcionaban á perfección neste "Lost on 23rd Street"


O terceiro e último dos organistas afroamericanos que vou mencionar é Lonnie Smith
Algo máis novo cós outros dous, por sorte este xenio de singular fasquía si segue vivo
Iniciou a súa carreira artística a mediados dos 60 no combo doutro mestre da guitarra
Refírome a George Benson, a cuxo cuarteto corresponde este fragmento dun concerto
-O solo de órgano dun novísimo señor Smith pode ollarse a partir do minuto 4 e medio-



Pouco despois, aínda nos 60, Lonnie Smith publicaría, con eses músicos, esta marabilla
Falo do tema "Turning Point", do longa duración de igual nome, composto por el mesmo



Nos 70, Lonnie Smith adoptou o exótico aspecto sikh que o acompañaría para sempre
Dende entón, loce barbas e viste turbante, aínda que por razóns meramente estéticas

Image



Daquela tamén pasara a ser coñecido como "Dr." Lonnie Smith, en honor ao seu saber
Este último tema que deixo aquí, "Back Track", corresponde ao "Too Damn Hot!" (2004)



06/10/14

Manifestación antitaurina na Coruña


Image

Esta fin de semana acudimos á manifestación antitaurina da Coruña
Xunto connosco, milleiros de persoas protestaron contra as touradas
Máxime cando se trata de espectáculos pagados con fondos públicos
A marcha partiu dos Cantóns e, pola rúa Real, dirixiuse a María Pita

Image

Image

Unha vez na praza maior coruñesa, fixéronse unha serie de demandas
Por unha parte, reclamouse a abolición inmediata deste tipo de tortura
-Máis aínda cando se fai un show exhibindo os malos tratos a animais-
Por outra, esixiuse que os gobernos deixen de financiar estas prácticas

Image

Image

Cada ano, o Concello da Coruña gasta máis de 90 mil euros nas touradas
Un espectáculo cruel que, ademais, cada vez conta con menos asistentes
Todo un despropósito que non debe ter cabida nun país que se di civilizado

Image

24/09/14

Varsovia


Image

A zona monumental da capital polaca éche pequecha, pero feitiña, acolledora e colorida
Logo de ser devastada por completo hai agora 70 anos, reconstruírona sen axuda externa
Pasamos pola cidade coincidindo co septuaxésimo aniversario do Alzamento de Varsovia
Así que as rúas se vían engalanadas coa bandeira nacional para conmemorar a rebelión

Image

Image

Image

A praza do Mercado de Varsovia é acorde co tamaño reducido do seu recinto histórico
Aínda así, ao caer a tarde desbórdase de vida, como as terrazas das súas cervexerías
-As cales se amosan profusamente adornadas de plantas e de flores durante o verán-

Image

Image

Se o dragón era o símbolo da anterior capital, Cracovia, o de Varsovia é outro ser mítico
Trátase da serea, cuxa estampa abunda nas prazas e nos edificios de todo o casco vello
A devandita praza está presidida por unha figura de bronce da serea con escudo e espada

Image

Image

Image

A propia serea encarna o espírito de resistencia do pobo polaco fronte aos imperios veciños
Non en van, esta nación permanecera sen estado de seu de finais do s. XVIII a inicios do XX
O país fora repartido entre rusos, prusianos e austríacos, acabando cunha potencia histórica
Nas fotos, vemos a barbacá de Varsovia, construída ao pouco de pasar a ser a nova capital

Image

Image

Image

O que se conserva da zona vella de Varsovia obtivo o recoñecemento de patrimonio mundial
Rexurdindo das súas cinzas, soubo recompoñerse e converterse nunha cidade cosmopolita
Nela respírase cultura e apréciase unha educación que se bota en falta noutras sociedades
Como en xeral no resto do país, a súa é xente aberta, amable, cortés e cunha boa formación
Alí, á noitiña, asistimos a un concerto de jazz que puxo fin á nosa viaxe a través de Polonia

Image

17/09/14

Na feira da cervexa artesá galega


Image

A segunda Feira da Cervexa Artesá Galega que se celebra na Coruña non decepcionou
Contou cunha ampla representación dos pequenos produtores cervexeiros do noso país
Tivo lugar na praza de Azcárraga, nese marco incomparable da Cidade Antiga coruñesa
O bo tempo axudou a que se enchese de xente ávida de degustar as bebidas ofertadas
Da ducia de postos presentes, a metade proviñan de Ourense, o epicentro do fenómeno
É o caso de Áncora, onde probamos a primeira pale ale da noite, etiquetada cunha serea

Image

Image

Tamén ourensá foi a segunda pale ale da xornada, da man dos creadores de Santo Cristo
Algo suave, pero de sabor exquisito, a súa calidade non era inferior á da anterior cervexa
Outro mostrador que visitamos foi o de Ceivada, elaborada por unha asociación de Nigrán
Tratábase dunha excelente indian pale ale, feita, para a nosa sorpresa, a base de centeo

Image

Image

Image

A última proposta atendida foi unha imperial wheat ale, con malte de cebada e de trigo
Con notas de cardamomo, foi elaborada pola Deep Taste Brewery, tamén de Ourense
-Levaba o nome de Heisenbier, en clara alusión ao protagonista da serie Breaking Bad-
Precisamente na Cidade das Burgas celebrarase a vindeira feira da cervexa artesanal
Será esta mesma fin de semana na avenida de Pontevedra e promete ser aínda maior

Image

11/09/14

Cracovia


Image

No noso seguinte destino, Cracovia, comezamos a visita polo barrio xudeu
Ou no que quedaba del, logo dos horrores cometidos na veciña Auschwitz
Este campo de concentración atópase en Oświęcim, a uns 40 quilómetros
Erguido trala invasión do país por parte da Alemaña nazi, hoxe é un museo
Así que alí fomos para coñecer mellor o que tanto nos contaran nos filmes

Image

Image

Image

En realidade, é un complexo formado por varios campos de concentración
O primeiro deles fora creado para confinar prisioneiros políticos e de guerra
E alí foi onde se comezou a experimentar con insecticida na cámara de gas
No museo poden ollarse o crematorio mailos montóns de latas de Zyklon B
Tamén se expoñen os aparatos ortopédicos, as lentes ou o pelo das vítimas

Image

Image

Image

O principal campo de exterminio do holocausto foi Birkenau, Auschwitz II
Estímase que aí finaron máis de un millón de xudeus e uns 20 mil xitanos
Consistía nun matadoiro industrial no que morrían miles de persoas ao día
Todo era a grande escala, con latrinas en ringleira e ata catro crematorios

Image

Image

Image

Deixamos o museo dos horrores e ao día seguinte dirixímonos a Wieliczka
Neste lugar ás aforas de Cracovia agardábannos as famosas minas de sal
-Xunto con Auschwitz, teñen en común seren Patrimonio da Humanidade-
Baixamos a 300 metros de profundidade por unhas escaleiras de madeira
Unha vez nas galerías, fomos vendo as obras esculpidas polos mineiros

Image

Image

Image

Entre os relevos, as figuras e os grandes salóns, producían un efecto curioso
Por momentos, daba a impresión de estarmos a explorar un reino dos ananos
Durante 800 anos, os mineiros extraeron o sal das minas e crearon todo isto

Image

Image

Image

Xa en Cracovia, visitamos o palacio real, que está situado sobre un outeiro
A cidade fora capital do país durante case 300 anos, entre os ss. XIV e XVI

Image

Image

Image

A elevación na que están ubicados o castelo e a catedral chámase Wawel
Á beira das murallas e con vistas ao Vístula, paramos para tomar uns cafés
Logo descendemos ao centro e encamiñámonos cara á praza do Mercado
Alí levounos un cachiño percorrer a praza medieval máis grande de Europa

Image

No s. XIX, Cracovia pasou a ser unhas das principais cidades galicianas
Galitzia era daquela un dos reinos integrados no imperio dos Habsburgo
De aí o certo acento austrohúngaro que conserva o seu recinto histórico

Image

É de destacar a basílica de Santa María, cuns interiores sorprendentes

Image

As 4 hectáreas da praza maior xiran en torno ao renacentista Sukiennice
Baixo este centro comercial na súa época, demos cunha feira de artesanía
Fóra tamén había postos, coma un de pierniki, galletas de xenxibre e canela

Image

Image

Image

Xa pola tardiña paseamos polo parque que antano ocupaban as murallas
Foran derrubadas precisamente durante o período de dominio de Viena
Dende alí andamos cara á praza do Mercado Pequeno, lindeira coa outra
Nela celebraban unha festa gastronómica de exaltación dos seus pierogi
-Unha especie de pasta rechea, coma os ravioli, con forma de empanadilla-

Image

Image


Tamén había queixos do país, ademais dos omnipresentes lody e gofry

Image

Image

Image

De volta na praza maior, deunos por facer un selfie despois de beber
De cea, comemos un exquisito golonka ao espeto con patacas asadas
E así, deixamos esta preciosa cidade polaca con moi bo sabor de boca

Image

2025

Remata o ano, polo que toca facer balance desta última volta que demos arredor do sol O 2025 non resultou doado, en diversos aspectos, pero ...

Image