11/09/15

De Otava a Toronto


Image

Trala nosa estadía no Quebec visitamos a provincia canadense de Ontario
Fomos dende a capital do país ata Toronto e achegámonos ata o Niágara
Otava, chamada así pola tribo nativa, encóntrase á beira do río homónimo
Nela teñen a súa sede as cortes do Canadá, o Senado e mailo Parlamento

Image

Image

Image

Sobre estas liñas, a torre do neogótico Parlamento do Canadá
Abaixo, o Châteou Laurier, un hotel de comezos do século XX

Image

Image

A cidade conta polo verán con bastante animación nocturna
Unha parada obrigada é nos postos das típicas colas de castor
Son unha especie de torradas longas e finas, que están boísimas

Image

Image

Image

A Rideau Canal, con 45 esclusas, atravesa a capital canadense
Con 200 quilómetros de lonxitude, salva un desnivel de 80 metros
É a diferenza de altitude entre o río á altura de Otava e o lago Ontario
Declarada Patrimonio Mundial, serviu de precedente da Canle de Suez
No inverno unha sección convértese na maior pista de patinaxe do mundo

Image

Image

Na outra beira do Otava encóntrase a cidade quebequesa de Gatineau
Cruzar dun lado a outro do río na práctica supón cambiar de país
É outra cultura, con outra lingua, outras leis e outro carácter
Alí ten a súa sede o Museo Canadense da Historia
O edificio caracterízase por non ter esquinas

Image

Image

Fomos tamén ao nacemento do San Lourenzo para coñecermos as Mil Illas
En realidade son preto de 2.000 as insuas que salpican o río nesta rexión
A maioría delas locen casiñas, mansións ou pazos na súa superficie

Image

Image

Image

No paseo en barco mesmo se pode ollar algún que outro castelo
Boa parte das Mil Illas encóntranse xa en augas estadounidenses

Image

Image

O noso seguinte destino estaba xa á beira dun dos Grandes Lagos
Cunha área metropolitana de 6 millóns de habitantes, é a maior cidade do país
Refírome a Toronto, cuxo skyline se asocia a unha torre de medio quilómetro de alto

Image

Image

Image

Ademais da Torre CN, o singular consistorio tamén é toda unha icona
Logo temos aquí outra cidade subterránea importante, polos rigores do inverno

Image

Image

Image

Pese á súa idiosincrasia anglosaxoa, Toronto é unha cidade multicultural
Unha alta porcentaxe da poboación ten unha orixe chinesa, italiana ou portuguesa
Na foto superior vese un festival indio na praza Dundas, no cruzamento con Yonge Street
Con 56 quilómetros de lonxitude, esta avenida está considerada a máis longa de todo o mundo

Image

Image

A rúa Yonge parte das inmediacións da torre CN e do lago Ontario
En fronte a Toronto hai varias illas, con vistas á cidade propias de postal

Image

Image

Mención especial para a Devonian Square, un recuncho cheo de encanto
Aquí encóntrase o Image Center da Universidade Ryerson, a meirande do país

Image

Image

Nun dos días que botamos en Toronto fomos de excursión ao Niágara
Nesta península visitamos as famosas cataratas en forma de ferradura

Image

Image

Tamén vimos as fervenzas da beira estadounidense do río
Estas son bastante máis pequenas cás canadenses

Image

Image

Image

Nas inmediacións das caídas de auga construíron hoteis, casinos e diversas atraccións
É o resultado de que neste mesmo século vendesen terreos públicos pegados ao río

Image

Image

Image

De Niagara Falls dirixímonos cara a Niagara-on-the-Lake
Esta vila encóntrase na desembocadora do río de igual nome
O curso fluvial conduce a auga dende o lago Erie ata o Ontario

Image

Image

Image

Niagara-on-the-Lake conserva un certo aire colonial
A fins do século XVIII fora a capital do Canadá Superior
E xa entrado o s. XIX foi un dos escenarios da Guerra de 1812
Nela os estadounidendes pretendian tomar a Norteamérica británica
Este conflito anglo-americano saldaríase co fracaso dos Estados Unidos
Pero 200 anos despois o certo é que esta terra semella unha expansión ianqui
Algo do que os propios canadenses son conscientes e que non deixa de os preocupar

Image


05/09/15

A cidade de Quebec



Image

A capital quebequesa é, sen dúbida, a cidade máis fermosa do país
Trátase ademais dunha das urbes máis atractivas de toda América
Por veces semella un anaco de Francia ao nordés do continente
É o que ocorre coa Place Royal, na parte baixa do casco vello

Image

Image

Image

Quebec posúe recunchiños verdes nos que dá gusto estar
-Lecrerc era un cantautor e Champlain fora o fundador da cidade-

Image

Image

Tamén ten rúas que parecen sacadas do barrio parisino de Montmartre
E insiste en amosarnos estampas máis propias do vello continente

Image

Image

No alto da cidade encóntrase a Asemblea Nacional do Quebec
En diante da sede do poder lexislativo hai unha fonte traída de París

Image

Image

Máis abaixo atopamos o edificio máis representativo da cidade
 Refírome ao Château Frontenac, visible case dende calquera punto
A pesar do seu nome, é un hotel construído durante a época vitoriana
A compañía Canadian Pacific Railway quixo así atraer o turismo de luxo
-Cinco anos antes, en 1888, erixiran en Alberta o hotel irmán Banff Springs-

Image

Image

Image

Outro dos lugares con máis sona de Quebec son estas escaleiras
Resultan identificativas da cidade, posto que unen as partes alta e baixa
Chámanlles as Escalier Casse-Cou, literalmente as escaleiras crebapescozos

Image

Image

Image

Por elas báixase ao Quartier du Petit-Champlain
Pola noite, as rúas deste barrio gañan aínda en encanto

Image

Image

Image

Na Place Royal loce aínda máis a igrexa de Notre-Dame-des-Victoires

Image

Image

Image

Nos extremos deste barrio de Quebec hai varios murais famosos
O maior, o Fresque des Québécois, conta a historia da cidade
O máis pequeno loa o devir dos traballadores do Cap-Blanc
-A veciñanza residente á beira mesmo do San Lourenzo-

Image

Image

E ata aquí chegou a nosa estadía no Quebec
Lembrarémolo como un gran país, culto e acolledor
Cun pobo que, sen dúbida, soubo reencontrarse a si mesmo

Image


2025

Remata o ano, polo que toca facer balance desta última volta que demos arredor do sol O 2025 non resultou doado, en diversos aspectos, pero ...

Image