A min esto de Eurofund e Porto Cabral e estas cousas de grandes comerciais, verán vostedes, non é por ser antipático, pero non me gustan nadiña. E non é por ter nada en contra de sitios grandes, porque teño ido a Madrid e mesmo teño quedado a durmir e aquí me teñen, tan pancho. Pero é que alguén que di «shopping research» e queda igual de pancho ca min cando durmo en Madrid non me gusta un pelo. Teño moito prexuizos e un deles é contra a xente que di cousas raras. E que conste que non é por envexa porque a min non me invitaran a pasalo ben en Zaragoza como aos medios vigueses. A uns máis que a outros, polo tamaño da noticia, parece. Nin sequera é porque a min iso do surf en piscinas podendo facer unha carreteira decente á praia de Patos ou facer parques con árbores enriba doutro parque con árbores que xa estaba antes pero sen tendas, non acabo de velo claro. Ben está que as cidades crezan e non se devoren a si mesmas, o caso é se iste é un bo pulo ou é unha patochada.
Porque iso sería como facer unha publireportaxe disfrazada de noticia. Non teño nada en contra das publireportaxes, nin en contra das noticias, pero é como atopar a cabeza dun cabalo na cama. Xuntos dan un pouco de arrepío. Vale que o día que se aproba a plantación de cen árbores se saquen reportaxes sobre os vellos que pasan calor por falta de sombra. Pase, xa postos, a que non sexamos capaces nin de convencelos de que se poñan gorras para a foto. Así non hai xeito de convencer a ningures de que están a piques de sufrir unha insolación, o carallo dos abuelos. Mesmo vale sacar como normal que o PP diga que hai que baixar impostos despois de dicir que a débeda do Concello é de 100 millóns e que a súa política en todo o país para solucionar a débeda sexa subilos impostos. Pero tampouco pasa nada por pór as cousas no seu sitio, as reportaxes por un lado e a publicidade por outro. Máis que nada por atopalas cousas logo, digo.

Os vellos do carallo non quixeron pór nin un pano na cabeza para ilustrar o mal que o pasan por culpa de Caballero.