Hai veces nas que un non sabe como tomalas cousas e hoxe é un deses días. Nesta cidade, dende tempos de Manoel Soto pagamos a auga por riba dos nosos consumos reais. Foi un acordo un tanto extraño que actualmente tomou a forma de que eses cartos de máis que nos cobra a empresa concesionaria reverten na cidade por medio de inversións a negociar entre Aqualia e o Concello. Dende que estas ideas de bombeiro se lle ocorreron non sei a quen, pasaron polo Concello ademáis do Psoe actual, o PP duas veces e o Bng unha. E a cousa non sería grave se non fose porque o mesmo que pide que esta desfeita do recibo da auga viguesa se arranxe é o único concelleiro que leva sentado no Concello dende aqueles lonxanos anos. Un calvo que cando empezou calzaba tupé, non sei se se decatan.
E é que en Vigo a memoria é ben lixeira. Por exemplo, hai quen non lle chega máis que para lembrar os últimos seis anos. Así, non son capaces de lembrar un momento no que sentaran nunha mesma mesa PP, Psoe e Bng para traballar sobre Peinador. Digo eu que non é raro que non o lembren. O raro é que non lembren máis que seis anos, posto que tal cousa nunca sucedeu. Pero, vamos, que interpretacións maliciosas sempre se fixeron. Por exemplo, hai quen di que a xente perde interese por vivir no Casco Vello porque so houbo seis pretendentes por piso no último sorteo. Non din que se desilusionan por vivir en vivendas arranxadas polo IGVS pola sua mala calidade, nin que non soportan mirar a cara de misioneira de Bravo Bosch repartindo pan entre os pobres, non. Din que a culpa é do pouco interese por vivir neste barrio. O mellor o que pasa é que a xente está farta de ver como se reparte por sorteo o seu futuro e por riba con contagotas. Este mes doce vivendas, o anterior, dazaoito, logo, oito máis. Por certo, que tendo en conta que desta vez o número de solicitantes por piso foi superior que en ocasións anteriores, a posibilidade de que a xente canse de Bravo Bosch é máis probable que a exposta pola prensa.
Está visto que a cousa esta dos pisos e do urbanismo parece provocar alteracións na lóxica máis elemental en certos eidos. Por exemplo, nas prisas dos promotores. Non protesta ninguén porque en Navia non haia prazas no colexio público e teñan que ir ao de monxas que está na avenida de Europa, nin protestan pola falta de garderías públicas nin por un médico que atenda polas tardes nin por unha biblioteca. Non, o problema é non poder construir esas 1.4000 vivendas a maiores que non van ter nin esas escolas nin garderías nin médicos nin bibliotecas. Estas nin están nin se lle esperan.
É o que ten a lóxica. Hai quen se sinte puro e virxinal porque condena ao inexistente terrorismo galego mentres é incapaz de condenar aos terroristas que comercian coa saúde dos galegos. Aínda que so fora pola vergoña de telos mantido no seu mesmo partido. Nomal todo.
No PP ben saben que se tes barco non podes ser mala persona.



