Hai uns días un recoñecido deportista facía un vídeo no internet para denuncialo estado das pistas de Balaídos. Isto deu pe a que a xente lembrara que alí se fai deporte que non é fútbol, e que as súas instalacións, non sendo o que foron en tempos, pois están moi ben, ou, máis ben, estarían, se estivesen en condicións dignas. O caso é que o concelleiro de deportes non tomou ben as críticas e deixou caer ou criticou que o deportista en cuestión non é de Vigo, o que deixa claro que quen non é de Vigo é o concelleiro. Porque todos os vigueses saben que Vigo abarca dende o Morrazo ata Baiona e das Cíes ata Ponteareas, polo menos. A non ser que baixes a Vigo dende algunha parroquia, en cuxo caso vai dende a fonte de Falperra ata Santiago de Vigo e dende o Corte Inglés ata o porto. Así que O Rosal, que é o lugar onde naceu o deportista protestón, vería a ser como os suburbios ou o rural vigués.
Eu hai anos que non boto nin unha carreiriña para collelo vitrasa, así que non podo opinar dos problemas dos deportistas. Bastante teño con conquerir unha biblioteca preto da miña casa. En cambio campo de fútbol teño dous, pero iso non ten que ver co que falabamos. O caso é que non podo menos que criticar a desidia das autoridades neste tema. Concretamente das autoridades que se compromoteron en arranxar estas pistas hai máis de catro anos e ainda non o fixeron. Sendo Xabier Alonso concelleiro de deportes asinou un covenio coa Xunta de Galicia para este fin e aínda están esperando. Supoñemos que a culpa será de Caballero, por suposto, que non soubo negociar con modais e boa educación que a Xunta cumpla o prometido. Xa se sabe que a Xunta fai o que sexa, pero ollo, sempre que se lle pida con educación. A educación é o primeiro para se dirixir aos señores elegantes. E vese que o Alonso tampouco é bastante elegante para que lle fagan caso, porque el tambén protestou no seu día e nada de nada. A Xunta segue sen investir en Vigo o prometido.
Pola nosa parte xa lle decimos que non nos metemos en cousas de deportes, que nunca practiqueino nin ganas que tiven nunca. Tampouco é que nós sexamos sabios culturais, como Relova, por exemplo. Por que se ve que tanto ler secoulle os sesos, como ao probe señor Quijano. Non entendemos que diga que o Concello quere pechalo Auditorio ao tempo que lle acusa de lle regalar cartos. Tampouco entendemos que el mesmo non quera que os concertos organizados por Amigos da Ópera que el preside non escolla este Auditorio para os seus concertos. Co ben que lle vendría darlle ese pulo, pero tampouco. El prefire desprestixialo na súa comisión á que só vai el. Con este panorama cultural non é de extrañar que haia quen pida que se pechen museos na cidade. Será para abrir máis pistas deportivas, supoñemos.
Coas ganas que tiñamos de mirar a ópera no Verbum e agora van pechar Balaídos e nin Madonna vai poder vir.
