Blog
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Un blog[1] ou bitácora é unha páxina web onde hai mensaxes ou publicacións ordenadas cronoloxicamente escritas por unha ou varias persoas, chamados bloggers, sobre un tema en particular a modo de diario en liña.
Hai algunhas características que son comúns á maioría dos blogs, como que os lectores poidan deixar comentarios, unha lista con ligazóns a outros blogs, chamada blogroll, un arquivo coas publicacións anteriores etc. Outras características non tan comúns, pero que están presentes na maioría dos blogs, son a de permitir trackbacks, que serve para saber quen liga á publicación, e a de permitir a subscrición, xeralmente mediante RSS, XML ou Atom, que serve para poder ler os blogs dende un programa á parte.
Crear e manter un blog non é difícil, posto que hoxe en día existe unha gran cantidade de ferramentas gratuítas para levar blogs. Moitas permiten, sen ter coñecementos técnicos, administrar todo o blog, escribir, editar e borrar as publicacións, moderar os comentarios dos lectores etc. As ferramentas máis coñecidas deste tipo son Movable Type, Textpattern e Greymatter. Tamén hai páxinas en liña que permiten facer todo isto sen necesidade de baixar nada. As ferramentas en liña máis coñecidas son WordPress, Blogger, ou Tumblr, tendo quedado polo camiño plataformas como Pitas ou TypePad[2] .
Unha das primeiras páxinas web foi un blog onde Tim Berners-Lee, un dos pais de Internet, publicaba un pequeno comentario das novas páxinas webs que ían aparecendo. Porén, non se pode falar de blogs até o ano 1997, que foi cando Jorn Barger inventou o termo weblog. Coa saída dos novos servizos como Blogger ou Pitas, o número de blogs aumentou moito. Non se sabe con certeza cal é o número total de blogs existentes, sobre todo a partir dos anos 2002, 2003 e 2004 que foron os anos onde houbo un "estoupido" de blogs. A comezo do ano 2004 calculábanse o seu número en máis de 8 millóns, 50 millóns a mediados de 2006,[3] e no 2022 estimouse que superaban os 600 millóns.[4] No 2006, dos principais 90 medios de noticias, 11 eran blogs.[5]
Algunhas variantes de blogs son os fotoblogs, onde os bloggers publican imaxes, os vlogs ou videoblogs, onde os bloggers publican vídeos, os audioblogs, onde os bloggers publican gravacións sonoras, e os moblogs, onde os bloggers publican dende un teléfono móbil. O autor dun blog pode inclinarse por máis dunha destas variantes.
Os blogs en galego tiveron o seu auxe no 2004 de onde pasaron de ter só uns 20 blogs aproximadamente a principios de ano, a ter 300 blogs aproximadamente a finais de ano. O blogomillo é o termo que engloba ao colectivo de todos os blogs en galego.
O 31 de agosto celébrase o Día Internacional do Blog.[6]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para blog.
- ↑ "Start publishing your passions today.". www.typepad.com. Consultado o 2025-05-01.
- ↑ "State of the Blogosphere, August 2006". David Sifry (en inglés). 2006-08-06. Consultado o 2025-05-01.
- ↑ "The State of Blogging: 25+ Latest Blogging Statistics in 2025" (en inglés). 2023-04-17. Consultado o 2025-05-01.
- ↑ stevesafran (2006-08-07). "Technorati: 11 of top 90 media sources are blogs" (en inglés). Consultado o 2025-05-01.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 12 de outubro de 2007. Consultado o 19 de outubro de 2007.