
Para iniciar o debate permitimonos a licencia de reproducir un artigo do Ferrín
Os que se chamen demócratas non deben esquencer que tal festa da Reconquista foi e é unha celebración nacionalcatólica e de raíz reaccionaria desde as orixes | X.L. MÉNDEZ FERRÍN
X.L. MÉNDEZ FERRÍN Desde o século XIX (coido) vense celebrando en Vigo unha festa chamada, con toda a intención ideolóxica, da Reconquista. Nela conmemórase a tomada da cidade, daquela en mans do exército bonapartista e leal ao Rei Xosé, por parte dunhas forzas comandadas por militares, frades e fidalgos que estaban polo vello absolutismo borbónico en días nos que xa lanzara a súa mensaxe á Humanidade a Revolución Francesa. Non hai dúbida de que se contrapuñan dúas concepcións do mundo: a bonapartista (laicismo, igualdade, ensino universal, centralismo, sanidade pública, código civil...) e a absolutista (privilexios nobiliarios, estamentalismo, monopolio ideolóxico da Igrexa Católica, Lei das 7 Partidas...). Naturalmente houbo tamén liberais que se uniron aos absolutistas tacticamente e por patriotismo, pro no Vigo da época non se notaron.
No franquismo recibiu moito impulso esta festa, que o pobo ollaba con receo. O alcalde Soto, que tanto símbolo franquismo eliminou, aceptou sen embargo a continuación da Reconquista, data na que se conceden os títulos de Vigués Distinguido. Os seus sucesores mantiveron a continuidade e, nos últimos tempos e copiando das Marías Pitas vazquistas, escenificaron tamén festa de disfraces da época. Durante os anos da monarquía vixente nunca se lembraron no Concello de Vigo, para os títulos de Vigueses Distinguidos, das víctimas do franquismo, cousa que este ano si queren facer os partidos democráticos da desmemoria anterior. A alcaldesa, do PP e polo tanto da tradición franquista, oponse a que no elenco de Vigueses Distinguidos do día da Reconquista se inclúa nada relacionado coas víctimas de 1936. Dos antifascistas presos, fuxidos, torturados, exiliados ou fusilados entre 1939 e 1975 e despois, digamos só os vigueses X.R. Reboiras, Humberto Baena ou Sánchez-Bravo, nin o BNG, nin o PSOE nin o PG queren saber nada: nunca existiron, deben de pensar estes demócratas e nacionalistas.
En todo caso, a todos lles desexo un bon Día da Reconquista, e que lle aplaudan ben a Pablo Morillo, quen uns poucos anos despois da fazaña entraba triunfalmente en Vigo ao mando dunha unidade francesa dos Cen Mil Fillos de San Luís, pro, desta vez, reaccionaria e bencida polo Papa. Mais, os que se chamen demócratas non deben esquencer que tal festa da Reconquista foi e é unha celebración nacionalcatólica e de raíz reaccionaria desde as orixes. Os que participen non deben ignorar que están a honrar figuras que fixeron aquela acción contra a Constitución de Baiona que lle outorgaba a Vigo o título de cidade capital de provincia (ou departamento), isto no caso dos asistentes seren viguistas. Haberá que lembrar que os asaltantes empuñaban as armas para impedir a liquidación do Tribunal da Inquisición e a separación da Igrexa e do Estado consustancial co bonapartismo: a aqueles cavernícolas da estatua da Praza da Independencia vai render homenaxe o Concello de Vigo! Era o municipalismo, a igualdade perante a lei, a noción de cidadanía o que o Rei Xosé quería implantar na España (así dicía el). Os partidos que hoxe se reclaman da tradición democrática e liberal e republicana e galeguista e nacionalista e progresista en Vigo deberán lembrar diante da estatua de Pablo Morillo que no acto central da festa da Reconquista están a renderse ao partido que hoxe representa a tradición do absolutismo, do carlismo, do anti-nacionalismo e do franquismo, partido que parece estar moi feliz da ignorancia dos seus contrarios e que insiste con arrogancia en ignorar as nosas víctimas, aínda sendo só unha parte das nosas víctimas.
Deica a procisión do Cristo da Victoria!