Páxinas

Amosando publicacións coa etiqueta X. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta X. Amosar todas as publicacións

2022/04/23

Campaña de animación á lectura 110 / Entrada número 1000

 

Image

E agora vaste portar ben, vas ler en alto e pronunciando devagar.

_____________

Entrada número 1000

Non é que teña demasiada importancia pero neste sistema decimal sempre sentimos admiración polos números redondos. Acabo de descubrir que esta entrada completa o milleiro, non significa nada, quizais só supoña unha proba da confirmación do vínculo.

Iso si, celebro que fose unha entrega da campaña de animación á lectura. 

LER TE sempre foi un dos meus xogos favoritos.


2016/08/04

Emigrante retornada

Image
Publicación de Velis Nolis.

Como unha emigrante retornada despois de tempo fóra volvo aos lugares comúns por ver canto eles cambiaron mais tamén, no fondo, para comprobar que o que admirei, segue aí, agardando por min para me devolver á paixón do pasado.
O emigrante leva canda si un reloxo interior en forma de saudade sempre parado no minuto en que os seus ollos abandonaron a casa e permanece aí, no corazón, todo o tempo que sexa necesario para volver a funcionar no intre en que volve, e nesa ollada a nova realidade superponse á da lembranza e sabe agre o tempo perdido.
Peto:

sería egoísta agardar que os demais non tivesen marchado, non si?

2015/06/01

Rubideira teimuda?


Fai nove anos declarábame rubideira teimuda e comezaba a facer esta viaxe que aos poucos fun abandonando por outras empresas ou porque simplemente non tiña nada que contar. Aínda así, algo dentro de min teima en non lle querer poñer remate a unha aventura que cada vez é máis como ese familiar ao que se vai visitando menos na residencia ata que un día nos anuncian a súa morte cando xa esquecemos onde estaba.a,
Nestes nove anos moito teñen cambiado o blogomillo, os blogs en xeral, as redes sociais e a nosa forma de navegar por unha rede cada vez máis poboada e inmensa que muda vertixinosamente as nosas vidas.
Bótanse de menos as amizades invisibles, revisito aos que permanecen e pregúntome como lles irá a aqueles que coma min andan na morte lenta.
É que ben pensado, nove anos é moito tempo e, aínda así, se cerro os ollos, podo lembrar os olores e sentir o sol da Ulloa daquela tarde, a emoción de me lanzar ao descoñecido a través da palabra, e a imaxe, e a música, todo coma se fose hoxe. Que marabilloso proceso o da lembranza! Agradézolle ao meu cerebro ter retido ese día e traermo ata hoxe con tanta forza para gozar o pracer de revivilo.
Déixolles a música, porque segue a soar Rachamaninov como daquela.


2015/04/07

Hoxe

Image


Hoxe pode comezar algo importante e sentín a necesidade de compartilo.

2014/01/01

O día que non existe

Image


Outra vez máis o día que non existe, ese que segue ao dos balances e antecede ao dos bos propósitos, afoga entre choiva e soño nun naufraxio de roupa polo chan e tabletas de antibióticos. O mellor propósito, durmir ata a noite de Reis, non ha poder ser e comeza 2104...

2013/01/09

De lonxe vén o poder da palabra

Image
Templo de Zeus Olímpico by Kaplan.


"Señor, eu non son merecente de que entres no meu fogar, 
mais unha palabra túa abonda para me salvar." 

De lonxe vén o poder da palabra


Houbo un ser humano que foi coller a fera salvaxe cazada por outro, e este deixoulle facer.
Houbo unha man que quixo acariñar o corpo dun ser humano, e este deixoulle facer.
Houbo un ser humano que golpeou a cara do seu veciño, e este deixoulle facer.
Houbo un ser humano que lle roubou o fillo á muller acabada de parir, e esta deixoulle facer.


De lonxe vén o poder da palabra, é un misterio que durante séculos quixeron desvelar os máis sisudos sabios.
En certa ocasión, Apolo decidiu condenar a cidade de Atenas á calor intensa dos seus raios durante un verán. Os sabios decidiron mudarse á quinta de Academo, e durante trinta días xuntáronse nos fermosos xardíns consagrados a Atenea e discutiron ata o solpor sobre cal había de ser a primeira palabra. Esa tarde, atento ao horizonte, un vello ancián tras ver o raio verde dixo: "Queridos compañeiros, estamos errados na nosa procura, nada importa cal foi a primeira verba pronunciada, a palabra verdadeiramente importante e aquela que debemos buscar é a palabra máis poderosa xa que con ela haberemos de ser invencibles". Os seus compañeiros retiráronse aos salóns do pazo de Academo e mentres gozaban doutros praceres dixo outro dos pensadores: "Sen dúbida Zeus, o deus dos deuses, ha de saber cal será esa sucesión máxica de sons, preguntémoslle a el!".
Á mañanciña do día seguinte os tres máis sabios deles foron ao templo de Zeus e despois de lle faceren as honras dixéronlle: "Oh Zeus, deus dos deuses, todopoderoso dende a túa nacencia do ventre de Rea, concédenos saber cal é a máis poderosa das palabras para que no teu nome poidamos dominar os corazóns dos homes e de todos os pobos da terra".
Naquel intre un trono invadiu o ceo e das entrañas da terra coa súa voz poderosa, Zeus dixo: NON.
Ignorantes do agasallo do deus, os sabios volveron canda os seus compañeiros decepcionados polo que eles consideraban a pouca bondade que o deus demostrara á súa petición.
Pobres sabios de Atenas, Zeus agasalláraos coa primeira e máis poderosa de todas as palabras, a única capaz por si soa de mudar radicalmente a realidade.

Houbo un ser humano que foi coller a presa matada por outro ser humano, e este díxolle NON.
Houbo unha man que quixo acariñar o corpo dun ser humano, e este díxolle NON.
Houbo un ser humano que golpeou a cara do seu veciño, e ese díxolle NON.
Houbo un ser humano que lle roubou o fillo á muller acabada de parir, e esta díxolle NON.

Por iso agora utilizo eu a máis poderosa das palabras para che dicir: NON marches nunca.

2013/01/03

O pasado

Image
Imaxe de aquí.


Lugo
"Curamos o pasado
así, como lle cadra,
sen xabrón e de costas.
Por detrás."
(fragmento)
 María do Cebreiro: Eu son de aquí. 2008.


Antes dos novos propósitos viñeron reflexións, balances, nostalxias e perdas.
Nestes últimos 365 días pasou algo diferente, descubrín unha nova perspectiva sobre o meu presente, disque hai cousas que só chegan despois dos 40.

2012/11/16

Foder

Image

Hoxe só foder, abstéñanse pelmas obsoletos con ínfulas culturetas, para o outro xa teño os libros.

2012/11/06

Diluírse na selva




Que fermoso sería desaparecer aquí, diluírse na terra húmida da selva. Confundida coa chuvia acabada de caer, forte, agresiva, posuída pola autodestrución e aínda así rodeada destas pequenas miniaturas de pracer como quen pon unha rosa fresca nas mans inertes no cadaleito branco da meniña morta.
Canto amor habería en escoitarmos xuntos por primeira e última vez a rapsodia de Rachmaninoff!
E que fermoso sería que ti me quixeses acompañar nese último exhalo de vida antes da soidade eterna!

2012/08/25

Sigo viva

Image

Case dous meses nun chanzo máis de abandono progresivo da Selva.
Tiña ganas de facer unha entrada e dar conta de que sigo viva pero cada vez custa máis subirse aos tacóns e pasear pola Selva.
Neste tempo estiven adestrándome nas disciplinas de dicir non, de mirar máis aló de min mesma, de repensar en plural e de dominar medos. Demasiado ambiciosa, seino, pero non daba decidido por onde empezar e fun a por todas. Ao mellor acabo como eses alumnos de primeiro de carreira, que despois de nove meses de xoldra e confraternidades varias, acaban afogados en setembro por quitar unha materia, a que sexa, pero capaces de matar con tal de conseguir un aprobadiño que lles permita manter a súa privilexiada condición de estudantes universitarios.
Fóra diso, que non é pouco, a Selva bota de menos a miña frescura, a creatividade, o entusiasmo, o pracer, e tamén, por que non dicilo, a reciprocidade duns paseantes infinitamente fieis.
E cine, moi pouco, pero diso darei conta noutra entrada.

2012/06/07

Burka

Image

Nin sequera ti me podes espir deste burka que visto, tecido de mentiras que fun creando.

2012/03/01

Rabia


Image

Nin entendo, nin me fago cargo, nin son capaz de alegrarme con ideas altruístas, sólo sinto rabia.

2012/01/28

Refacho

Image

Un día saes da casa, como calquera outro, sen te preparares para nada, e de súpeto chega un refacho que vén de tan lonxe que xa case non lembras, e sentes que aínda todo se pode revolver aí dentro.

2011/12/01

Llenaba de humo el paraíso perdido


Hai un tempiño Bandini publicaba isto: 
"También me apetece comprar un jersey de cuello alto y volver a fumar en pipa, como cuando tenía veinte y llenaba de humo el paraíso perdido"

Dende aquela levaba aquí gardado en borrador e de cando en cando volvía a estas poucas palabras e cada vez me traían máis o sabor da melancolía dese paraíso perdido. Volvía a gardalo esperando que algún día se me ocorrese algo digno delas para sacalas de paseo pola Selva, pero despois de tanto tempo, apetéceme compartilas sen máis.
Porque resulta que hoxe sinto saudade e quero compartir a beleza e lembro aquela tarde en que me ensinaches a diferenza entre tres tipos de tabaco de pipa naquel laboratorio caseiro en que converteras o teu armario cheo de botes herméticos e latas e panos cos que coidadosamente acariñabas e lustrabas cada unha das pipas da túa colección. Aínda me pregunto que mans lle terían dado forma a aquela bela pipa de escuma de mar turca, pero a miña favorita sempre foi a Savinelli. Non cha aceptei cando ma quixeches regalar porque sabía que era especial para ti e, sabendo que fixen ben, lamento non tela comigo.  E lémbrome na butaca coas pernas colgando, a música no tocadiscos e o fume da túa pipa cruzando o aire por riba da miña vista en formas que ti inventabas para que eu tivese que improvisar historias.
Lembro o olor penetrante, o do tabaco, e o teu.

2011/11/11

Cine de setembro e outubro (2011)

Image
Escena de "Melancolía".


Os filmes están ordenados por puntuación seguindo a clasificación selvática:

10 (Podería volver a vela mil veces. Esta é das miñas)
 
9 (Para lembrar, para volver a ver, para gozar diante da pantalla)
Melancolía (2011)


8 (Tes que vela)
El síndrome de China (1978)

Pago justo (2010)
Tokio Blues (Norwegian Wood)(2010)

Image
Escena de "Pago justo".

7 (Lémbrame que debería ir máis ao cine)
6 (Veña, si, por haches, por bes ou por cetas, si)
5 (Non ocupar nin unha neurona lembrándoa)

4 (Como aburrise diante dunha pantalla)
3 (Mala)

2 (Sinxelamente insoportable)

1 (Antes morta que volver a vela)

2011/10/29

De amigos e contactos

Image

O meu saldo resúmese nun superávit de contactos con déficit de amigos.
Ou foi ao revés?
O meu saldo resúmese nun déficit de amigos con superávit de contactos.
?

2011/10/03

Sen pretexto


Chego sen pretexto á Selva, unha meiga agóirame novas descubertas mentres penso que aínda teño por explorar o sabor dos teus beizos no bordo da copa compartida.