
López Chaves, Jr, ve a palla no ollo alleo e non é quen de ver a viga no propio.
Anda a rebuscar ilegalidades nos papeis da Consellería de Cultura, especialmente desas que se agochan (el sábeo ben) entre os contratos de gasto menor.
Preocupados como estamos por este pobre home, queremos aforrarlle viaxes e dóres de cabeza a el, e uns cantos miles de euros en fotocopias a Ánxela B. Non ten que ir buscar tan lonxe, nin pagar peaxes de autopista, nin darse farturas de papeleo, por máis que lle guste: pode atopar, sen ir máis lonxe, no propio Concello de Vigo, na súa mesmísima área de goberno, no seus
Verbum e
Arquivo Pacheco, elaborados polo seu
soplón favorito,
Lois Cea, e asinados polo noso querido concellal e prometedor deputado-faltón (e mira que lle dixeron no cole que mentir era pecado), contratos irregulares abondo, como para mañán mesmo autodenunciarse e, en pleno acto de contrición, confesar publicamente as súas culpas e volver ao Camiño correcto. Por exemplo:
Con cargo ós orzamentos da súa concellalía e, en concreto, contra os do arquivo Pacheco, durante os
anos 2005 e 2006, asinou 10 contratos de asistencia técnica
de gasto de menor contía con
UNHA SOA empresa, especializada ademais en servicios sociais, por valor total de
112.339 euros. Estes contratos fixéronse eludindo -mediante o fraccionamento de feito do custo do obxecto do contrato en porcións dun máximo de 12.000 euros-, os preceptivos principios de igoaldade, publicidade e concorrencia, ao non mediar un procedemento aberto como correspondería por esa cantidade total, tal e como se recolle nas disposicións legais que regulan a contratación nas administracións públicas. Corresponderon, destes, 56.397 euros ó ano 2005 e 55.942 euros ó 2006, supostamente con obxectos “distintos” (máis ben con frases distintas que enmascaran un obxecto igoal ou similar: unha certa “xestión integral” externalizada do arquivo).
Os expedientes de contratación
á mesma empresa son os seguintes:
- Divulgación do arquivo Pacheco, imaxe e posta en marcha do servicio
- Estudio para a conservación de imaxes do arquivo Pacheco
- Remate de accións de acondicionamento e estudio do arquivo Pacheco
- Elaboración da memoria das actuacións do arquivo Pacheco no seu primeiro ano de actividade
- Contratación e montaxe da exposición de Julio Verne, selección de imaxes e coordenación da edición do libro “Pano de lona”, actualización da actividade de “A Galería”, actividades de formación ó novo persoal do Arquivo
- Preparación das exposición do Arquivo Pacheco en Niteroi (Brasil) e como remate do proxecto “A Galería”
- Continuación dos traballos que leva a cabo o arquivo Pacheco: exposición de Niteroi, cubo do Verbum, remate de A Galería
- Realización de traballos no arquivo Pacheco: tramitación das peticións de copias do proxecto A Galería”, renomeado dos arquivos dixitais para a súa exportación á base de datos, coordenación e colaboración na gravación de imaxes
- Coordenación e colaboración en traballos que desenvolve o arquivo relacionados co proxecto de “A Galería”, e noutros traballos habituais do arquivo
- Realización de actividades no arquivo Pacheco: cubo apadriñado no Verbum, actividades didácticas dos nenos, peticións externas, informes e coordinación noutros traballos no arquivo.Todos adxudicados sen concurso, concorrencia nin publicidade ningunha, a pesar do seu evidente mesmo obxecto xeral e do seu importe, que supera amplamente os límites que obrigan a procedementos abertos de contratación.

Á vista disto ¿a que se dedicaba o "
director" a dedo, destes dous “entes” se ata a
memoria da súa actividade facíalla unha empresa? preguntaranse vostedes, e nós: pois será a copiar os mini-expedientes de contratación, ás relacións públicas, a ir a cursos pagados polo Concello e a viaxar a Brasil con fondos municipais, para que non se sentiran soas 55 fotografías do arquivo que se expuseron alí baixo o título
Vigo em três momentos. ¿A que se dedicaba López Chaves?: a portarse mal asinando contratos que en rigor legal, non debía.
Pero se López Chaves Jr, non quedase satisfeito co que, no tocante a contratos destes variados poda atopar sen saír de casa, pode, cun moi breve desprazamento, achegarse á alcaldía de Vigo, onde atopará fraccionamento de contrato para dar e regalar, por algúns centos de miles de euros de nada,
repartidos entre os Medios de comunicación e axencias de publicidade “de confianza”, contratiño menor a contratiño. Se daquela non se arrepinte, mal vemos a súa redención.
E mentres LCh surde entre papeis, como un neno na piscina de papá, o Arquivo Pacheco leva varios meses pechado e o Verbum convírtese nunha sorte de carísima ludoteca, atendida por seguratas...