UA-55725853-1
Amosando publicacións coa etiqueta Comics. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Comics. Amosar todas as publicacións

14 de maio de 2014

Habibi

Image

Fai tempo que non fago unha entrada sobre un cómic que me teña gustado. De feito só fixen dúas entradas e foi do mesmo cómic, alá polos albores desta nova etapa do blog, xa pronto farán tres anos. E non, iso non quere dicir que vai pechar o blog nin moito menos.

Nestes últimos meses de cambios, e cambios, e máis cambios, na miña vida, de perder cousas fermosas e recuperar vellos costumes xa esquecidos, ten sido todo un descubrimento revelador iso de volver a ir a biblioteca a coller libros… especialmente comics. Non son moito de ler cómic europeo. Non porque non me guste: sinceramente, ser un friki dos comics é caro e un sempre mercou con pes de chumbo, pénsome moito o que merco para non tirar cos euros e por iso, o europeo non sempre é a mellor opción. Antes prefiro series recomendadas americanas ou manga.

Pero que a biblioteca de Vigo teña un nutrido fondo de comics abre as portas xustamente a ese marabilloso mundo do cómic europeo ou de influencia europea, porque si un cómic non me gusta só teño que devolvelo ao andel e punto. Ata agora só me pasou unha vez pero esa vez quedou máis que compensada co acerto que foi, un día fai seis meses, coller un cómic chamado Habibi.

Dende a primeira páxina de lectura foi xustamente como si me deran en toda a cara cas 672 páxina máis tapa dura… unha experiencia intensa dende esa primeira páxina ata a última. Habibi conta a historia de Dodola e Zam nun imaxinario paisaxe arábico, cheo de desertos, oasis, pazos orientais, hamans, aréns… dende o momento que se coñecen sendo nenos e a piques de ser vendidos como escravos.

Image

E vai desenvolvendo esa historia mentres ela vai contando as historias que aprendeu ao pequeno Zam porque Habibi é como as Mil e unha noites pero dos escravos, dos desposeidos… e tamén é unha fermosísima e cru historia de amor entre dúas persoas que tratan todo o cómic de atoparse, non so ao outro, se non tamén a si mesmos. Porque Habibi é unha palabra árabe que significa O meu amado.

E é moito máis… é unha parábola sobre a contaminación do medio ambiente, sobre o uso tiránico dos recursos, sobre a pobreza e a riqueza, sobre a amizade e as relacións entre as persoas… e tamén unha historia na que se comparan as dúas grandes relixións monoteísticas do mundo, a católica e o islam… para chegar a unha conclusión, que no fondo, as dúas, son o mesmo.

Habibi é como un conto árabe no que se mestura a maxia, o misticismo, os tempos preindustriais ca modernidade máis absoluta. Ten unha estética musulmán (xa dixen que compara as dúas relixións, pero en realidade os protagonistas son seguidores de Alah), usa a relixión e a súa propia iconografía, máis ben o xeito no que se escribe en árabe, para desenvolver pouco a pouco a trama, para contar os pensamentos e os sentimentos máis íntimos dos dous personaxes. E non hai baleiro porque é un traballo que ao autor lle levou sete anos, un traballo delicado, laborioso, como unha peza de ourivaría, pero no canto de usar ouro, prata… feito con tinta. Esta cheo de palabras árabes, ca súa escrita sensual e ondulante, de arabescos, de xogos cas liñas, ca tinta, cas mesmas palabras, para enmarcar as figuras, para levalas máis alá da realidade, aos soños, aos sentimentos…

Image

Habibi é delicioso e cortante, fantástico e real, unha verdadeira xoia que non che deixa que pares de ler ata o final… ese final perfecto que me lembra en certo modo a aquel final de Crónicas Marcianas, porque… por moito que se diga… as historias teñen que ter final, por moito que podan seguir, por moito que un se poda imaxinar o que ven despois. Que sentido pode ter que che conten a historia de Cenicienta se non remata con “e foron felices e comeron perdices”? Si… claro, logo teñen unha vida xuntos e quen sabe o que lles pasa? Se cadra son felices, e se cadra non… pero que máis ten? A historia xa está contada e ata aí chegou, o que pase despois, ben, e parte da intimidade dos personaxes.

En Habibi pasa iso… cóntasenos unha historia, unha que é fermosa e terrible por igual, e mentres les, pensas que ogallá pase o que ten pasar, pero non, non da pasado, eles sofren aínda máis, aínda non chega o desenlace porque, porque todo o que lles pasa é como un proceso necesario para que o final sexa xustamente ese, para que eles inevitablemente aprendan e se atopen e chegue ese final e non outro.

E o final é tan fermoso, volo digo en serio, é tan fermoso, que choro cada vez que o leo… lector que les o meu blog, vou facer unha cousa que nunca fixen. Se tes pensado ler o cómic en algún momento da túa vida, aconséllote non ler a partires de aquí… ou si: a segunda vez que lin Habibi o final impresionoume aínda máis… todos sabemos como é un orgasmo pero a ninguén nos aburre follar por iso… Se non tes pensado ler o cómic… ben, tes que ler o que sigue.

Image

Di o final do cómic:

“A Santa Sufí Rabi´a Al-Adawiyya, foi vista levando nun puño lume e no outro unha xerra de auga.

O lume para queimar o Paraíso…

A xerra de auga para apagar o Inferno…

de modo que ambos velos desaparezan…

e os seguidores de Deus adoren…

non ca esperanza dunha recompensa…

nin polo medo ao castigo…

se non sinxelamente por الحب.”

Non creo que vos resulte difícil descubrir que significa iso...

Habibi é sinxelamente unha gloriosa marabilla froito dun autor, guionista e debuxante, chamado Craig Thompson, un home que creou con tranquilidade de reloxeiro unha historia de amor, de aventuras, de coñecemento, de relixión, unha historia moderna e antigua que chega ao corazón e á conciencia.

Como sempre digo... moi recomendable... neste caso... debería ser obrigatorio.


Habibi
Craig Thompson
Colección: Colección Sillón Orejero
Cartoné, 17 x 22 cm, B/N, 672 páginas.
39 euros.
ISBN: 978-84-15163-29-9

3 de xul. de 2011

Astro City (2)

No artigo anterior lieime un pouquiño porque apetecíame falar levado pola miña morriña, pero a intencióne era por unha introducción que deixase claro porque o cómic do que quero falar é tan especial.

Astro City é un cómic de superheroes pero non é un cómic de superheroes. Ten unha perspectiva tan especial e innovadora como a que propuxo no seu momento Alan Moore con The Watchmen, pero en certo modo vai máis alá… The Watchmen afonda no lado humán dos tipos que levan mallas e que teñen superheroes pero no fondo, como pasa cos comics Marvel, a trama central e algunha batalla con superviláns ou unha catástrofe mundial ou cósmica que só poden atallar os supertipos.

Astro10_LocalHeroes_Grupo

En cambio Astro City tamén fala dos asuntos superheroicos pero en segundo plano, porque a liña argumental ten máis que ver en como se ve esa vida dos que teñen superpoderes dende diferentes puntos de vista, dende o punto de vista dos propios superheroes, como é a súa vida normal, como son os seus soños, de como os cidadáns normais da gran cidade ven aos superheroes, e incluso dende o punto de vista dalgún malvado.

É como estas series que botan hoxe en día que falan de policías ou de médicos pero o aquel da serie é contar como se enfrentan esas persoas que teñen unha vida, digamos, especial, ao día a día.

Así temos a historia do Samaritano, un supertipo baseado claramente en Superman. Voa, é invulnerable, ten superforza… e traballa nun periódico e que non para máis que para durmir: cando o fai soña que voa, que é libre. A historia conta como ten que ser cuberto polos seus compañeiros superpodedoreos para que poda ter unha cita cunha muller, que tamén é unha superheroina á que lle pasa xustamente o mesmo que a el.

Ou a historia dun reporteiro que se xubila e que lle conta ao seu sucesor  unha pelexa que viviu en primeira persoa entre a Guardia de Honra (claramente A Liga da Xustiza), o Vello Soldado (a min lémbrame ao Capitán América) e uns homes tabeirón de outra dimensión. Era unha historia grandísima, que o faría chegar aos ceos do periodismo, pero non tiña probas de que sucedeu polo que o redactor fíxolle reescribir a historia tantas veces que ao final só tiña un artigo anodino, pero que gracias a el entendeu o que era traballar con honestidade.

Cada número é unha historia similar pero contada por diferentes persoas, cunha única personaxe en común: a cidade, Astro City, tan peculiar como o é Nova Iorq.
0472

As súas xentes móvense entre a súa vida normal e os acontecementos superheroicos cunha axilidade que moitas veces fai que o visitante bote a correr e que outras acabe adorando a cidade con máis superheroes do planeta imaxinado por Kurt Busiek.

Por si fora pouco, o vello lector de comics bucea nun xogo das parellas, porque case todas as personaxes son unha homenaxe de vellos superheroes das grandes editoriais de comics superheroicos, principalmente a Marvel e DC. Así o Samaritano é unha homenaxe a Supermán, Victoria Alada é Wonder Woman, First Family son os 4 Fantásticos, Jack-in-the-Box que é Spiderman, ou entre moitos outros, el Confesor e o Monaguillo que son Batman e Robin. Pero Busiek non se queda simplemente en simples copias, vai máis alá porque colle cousas de uns e de outros ou fai versións máis… digamos reais, se neste noso mundo, fose real que houbese persoas con superpoderes.

Outro dato que fai deste un cómic marabilloso: as fantásticas portadas de Alex Ross, cun realismo incrible. Por si soas son verdadeiras obras de arte.

O cómic non ten desperdicio… o único defecto a súa regularidade… tan só 56 número dende 1995. Penso que os grandes escritores xa teñen tocado este tema da vida normal de persoas extraordinarias en moitos libros, pero este cómic faino cunha maestría parexa, ou aínda maior polo xeito co que se escribe unha historia con tan poucas páxinas e na que a historia cóntase tanto con palabras como con fermosos e ben feitos debuxos. Astro City demostra que o cómic é unha arte que está á altura ou mesmo moitas veces por riba da literatura.
astrocity

Como sempre digo… moi recomendable!

Ver Astro City (1)

2 de xul. de 2011

Astro City (1)

Xa fai moitos anos do primeiro cómic que merquei . Alá polo ano 1991, no meu primeiro ano de carreira. Daquela o meu aloxamento era a residendia Altamar, na rúa Cesareo González en Vigo. Que ano! Imaxinade a un rapaz de Vilagarcía que apenas coñece nada da vida máis alá do instituto, a súa casa, algúns amigos e un equipo de baloncesto, de súpeto rodeado de máis de cen rapaces, uns máis novos e outros máis vellos, todos metidos en catro pisos de residencia, os homes todos en habitacións dobres cun baño compartido para toda a planta ao fondo do piso.

Non era o único que se compartía… as festas, as brincadeiras, as horas de insomnio detrás dos libros, as comidas intragables, as conversas interminables… e os comics.

Lembro que por aquel entón reeditouse un cómic da Marvel chamado The Secret Wars… o concepto era sinxelo e a min, que por aquel entón aínda non lera nada da Marvel, un bombazo… un ser Todopoderoso constrúe un planeta con anacos de outros, para usalo como ring: nel enfrentaranse un grupo de superheroes escolleitos contra un grupo de superviláns.
Todos na residencia limos aquel cómic con avidez… eu tamén, e logo a corrente levoume con ela: lembro que había un rapaz que mercaba moitos cómics e grazas a el tiven a sorte de ler ese ano e os seguintes, as mellores historias en cómic de todos os tempos. The Watchmen (na edición orixinal en castelán!), Ronin , O Retorno do Cabaleiro Oscuro, Give me liberty e moitos máis.

  secret_wars01_00

Aquel ano merquei o meu primeiro cómic, un retapado, non lembro que números tiña, de Factor X. Lembro que cheguei a completa-la colección enteira, pero rematando o curso deixeilla a un compañeiro e, co galo dos exames finais, esquencinme de reclamala e non volvín a mirala xamais. A cousa é que dende entón non deixei de mercar comics, cada vez máis e sempre, ou casesempre, comics da Marvel, comics de superheroes… os Factor X, Patrulla X e logo os X-men… Lobezno, Cable, Hulk… en todo este tempo teño mercado tantos comics que moitas desas coleccións as teño case completas ou teño as mellores etapas.

  Comic-X-Factor-1

Anos máis tarde cheguei a mercar aos Vengadores, os Thunderblots ou incluso, na etapa do fantástico Carlos Pacheco, os 4 Fantásticos.

Con todo, sempre fun consciente de que me estaba a limitar moitísimo, porque, ben, moitas das historias que merquei son boísimas, como a etapa Chris Claremont en Patrulla X ou Lobezno, ou as etapas de Peter David en Hulk ou Factor X, pero outras moitas, deixan moito que desexar. As historias de superheroes da Marvel non deixan de ser historias de superheroes… espectaculares pelexas contra os máis malos superviláns, superpoderes incribles… sempre hai sitio aos romances e as relacións entre as persoas, pero o que importa e a parte da loita contra o mal.

Supoño que os cartos mandan: daquela, co que costaba un volume en formato prestixio ou unha Novela Gráfica podías comprar os números mensuais de moitas coleccións, así que,  pagaba a pena non mercar cousas moito máis serias e de moita mellor calidade.

Logo os tempos cambian, un servidor empeza a gañar cartos e empeza gastar un pouquiño máis, a mercar menos comics de Marvel, a mercar máis Novelas Gráficas, a mercar Manga…  Agora estou no outro extremo: xa non compro Marvel e, aínda que gasto moito máis que cando si que o facía, a calidade do que merco e moitísimo superior.

Agora por exemplo estou tratando de completar varias coleccións, como Akira, The Sandman ou Fábulas. Agora Merco todo o que podo de Alan Moore e agora merco o comic do que vos quería falar, que xa será na seguinte parte desta entrada, Astro City, de Kurt Busiek.

  fabulas1