UA-55725853-1
Amosando publicacións coa etiqueta Rajoy. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Rajoy. Amosar todas as publicacións

10 de xuño de 2012

Intervención, intervención

Xa están aquí os homes de negro e por moito que pareza... non veñen do exterior, xa estaban aquí, son os nosos ilustrados dirixentes, e, que vos enteredes, non oen, non ven nin din nada. E traen, como o mítico pan dos recén nacidos, baixo apestoso sobaco, unha intervención.

Non vos enganedes, non é como as intervencións de Ted Mosby e compañía. Nooon... esta, por moito que lle chamen liña de crédito á banca, desexada polo presi que quede claro, é un rescate brutal que van a pagar os que peor o estamos pasando nesta crise, os cidadáns normais, os curritos, os traballadores normais e correntes. Rajoy, o home que escapa de nominalismos, é dicir, que non quere dicir ás cousas polo seu nome verdadeiro, é un pobre iluso que tapa ollos, orellas e boca, e que, negando como nega a realidade, case podería afirmarse que ten unha patoloxía pola que outros xa estarían pechados en Conxo ou no Rebullón.

Como alguén pode presentar como un trunfo que se den 100.000 millóns de euros á banca para salvala, mentres pechan hospitais e as aulas satúranse de alumnos, mentres recórtanse ós fondos á investigación e os traballadores deste país apretan máis e máis o cinto? Que tipo de persoa pode presentar todo isto como unha victoria persoal e ningún dos múltiples responsables desta situación responden ca súa liberdade e o seu patrimonio ante a xustiza e o pobo?

Eu volo vou dicir... só unha persoa que se presenta como un leon pero que non é máis que un esquío, unha persoa que só é quen de dar a cara cando se lle presiona e non cando debe, unha persoa que nesta situación é incapaz de mostrar un pequeno sinal de humildade cos cidadáns aos que representa porque non renuncia a un partido de futbol en Polonia...

Falabamos mal de Zapatero... eu agora digo eu... máis vale malo coñecido que Rajoy por coñecer.

Image

7 de xuño de 2012

O Xogo da Arbitrariedade

“-Que fan? –murmurou Bastián-. Que clase de xogo é ese? Como se chama?

-É o xogo da arbitrariedade –respondeu Árgax. Fíxolles sinais aos xogadores e gritou-: Bravo, rapaces! Adiante! Non vos deteñades! […]

[…], si se sigue xogando cen anos, mil anos, cen mil anos, con toda posibilidade sairá unha vez, por casualidade, un poema. Y si se xoga eternamente terán que xurdir todos os poemas, todas as historias posibles, e logo todas as historias de historias, incluída esta na que precisamente estamos falando. É lóxico, non?

-É horrible –dixo Bastián.”

A Historia Interminable, Michael Ende.

Lembrades este marabilloso libro? Eu téñoo lido unhas cantas veces e máis que o lerei porque para min e unha das máis grandiosas historias xamais contada.

O certo é que non vou falar realmente del nesta entrada porque este vai ser outro artigo onde descargar toda a frustración que me causa a crise. Simplemente quería usar un dos capítulos do libro, aquel no que un pobre e desmemoriado Bastián Baltasar Bux, xa heroe salvador de Fantasía, atopa un grupo persoas tirando, ao azar, dados cunha letra en cada cara, como pé para a miña reflexión.

O Cicerone de Bastián, o mono Árgax, cóntalle que esas persoas, agora tolos, antes emperadores de Fantasía, están a xogar ao Xogo da Arbitrariedade porque xa non saben narrar, porque perderon a linguaxe. Tiran os dados eternamente ata lograr que as letras formen algunha historia lexible.

É o que se coñece como o Teorema dos Monos Infinitos: si un infinito número de monos mecanografaran por un intervalo infinito de tempo producirían texto lexible.

“Si o mono puidese pulsar unha tecla cada nanosegundo, o tempo esperado ata que escribise Hamlet é tan grande que a idade estimada do universo é insignificante en comparación... Este non é un bo método de escribir libros.”

Gian-Carlo Rota

Algo parecido pasa co goberno do Estado Español… se tivésemos un número infinito de Marianos Rajoy e de Marías D. de Cospedal pensando á vez durante un intervalo infinito de tempo con toda probabilidade serían quen de dar ca solución á crise?

Ca bolsa en mínimos históricos, a prima de risco disparada, os bancos afundidos, o paro disparado, os soldos e os dereitos dos traballadores baixo mínimos, a moral desaparecida, sen unha clara solución, o malo non é que estamos moito peor do que estabamos o ano pasado, o malo é que aínda podemos estar moito peor.

Tal é para min a magnitude da incompetencia dos que nos están a gobernar: Mariano e “troupe” eran os super heroes patrios, os salvadores dos parados e dos sen teito, os vingadores da economía nacional, e resulta que, case medio ano despois, andan tan perdidos (ou se cadra incluso máis) que Zapatero nos seus mellores momentos, como os habitantes da Cidade dos Antigos Emperadores.

Non vos da a impresión de que agora mesmo Rajoy está facendo como o neno que para pasar un castigo ou un mal trago decide deixar pasar o tempo durmindo na súa habitación?

Cada día que pasa afánanse máis e máis por demostrar a súa incapacidade: esperar por que eles dean ca solución a este despropósito é desesperar. O infinito é demasiado tempo e empezo a pensar se un mono non o faría mellor.

Image

18 de nov. de 2011

Será presidente...

Sr. Rajoy, supoño que vostede nunca terá o aquel de ler esta carta miña pero iso tanto me ten. É un desafogo meu despois de tantos días de desacougos, de enfados, de sentir que mexan por nos e queren facernos crer que chove… así que tanto me ten si a le como si non.

Mire vostede, xa pasou o tempo das ovelliñas mansas que se deixan pastorear por calquera que teña un bo can. Pode ser que o pobo aínda non espertase de todo pero as ovelliñas xa non pacen tranquilas, xa teñen as orellas atentas, que xa fai algún tempo que o vento do norte lles trouxo o cheiro do lobo, xa saben que o que chove non é nin siquera Sidra El Gaitero.

Posiblemente sexa vostede o próximo presidente do goberno… ou non, que cousas máis raras teñen pasado, pero voulle dicir unha cousa, eu non me alegraría de estar na súa pel. Porque, non sei, despois de mirar a súa foto do mintin de Valladolid do outro día, vostede deixándose levar por unha inusual euforia, a saltiños de home que xa se ve victorioso, dáme por pensar que vostede ve isto de chegar a ser presidente como unha especie de reto persoal, como unha especie de xogo… alguén que leva ansiando algo moito tempo.

Espero que non sexa así, porque, pode ser que vostede teña xa uns bos aforros despois de tanto tempo mamando do teto da cousa pública e que non lle teña medo á crise porque, se goberna, terá un bo soldo vitalicio o día que se publique o seu cesamento no BOE, e ademais no fondo, xa fai tempo que aprobou as oposicións de rexistrador da propiedade, xa pode afundir españa enteira no océano Atlántico; pero a cousa é, penso que xa o sabe, que os milleiros de españois que non están na súa situación ou na deses banqueiros que esperan que vostede goberne como auga de maio, non poden permitirse catro anos cun presidente do estado falto de ideas, de carisma, só movido pola ansia persoal de lograr coller o tarro das galletas no alto do armario.

Porque si vostede pensa que vai gobernar por méritos propios vai enganado: si é elexido será pola incompetencia do goberno anterior; si vostede pensa que vai gobernar polo bo político que é vai enganado, porque ninguén ten boa opinión de vostede, nin no seu partido; si vostede pensa que vai gobernar porque a xente pense que vai ser mellor que Rubalcaba vai enganado: vai gobernar porque a xente está tan desesperada que pensa que cun cambio de partido político xa está todo arranxado.

Porque, e xa remato, desta volta non vai haber fórmulas máxicas como no 96 cando empezou, con vostede como Ministro das Administracións Públicas, a burbuxa inmobiliaria, o boom da construcción. Non vai haber ladrillo para sacar do paro a 5 millóns de españois. Porque os mercados non van deixar de ser implacables ca débeda española só porque vostede goberne. Porque vostede non é Moisés nin vai lograr que aparezan regatos de diñeiro en efectivo para reactivar a economía a golpe de vara no asfalto da Castellana.

Así que vostede saberá o que fai, porque mire, eu nas portas do luns 21 xa miro un letreiro que di “Os que entren aquí perdan toda esperanza”, e porque, pense un pouco, está aquel refrán “Malos virán que bo de ti farán” e xa sabe cal é a opinión que ten a maior parte dos españois do aún presidente Zapatero.

Rajoy I de España

21 de xul. de 2011

Facerse un traxe

Non estou moi seguro de como era a expresión, penso que algo así como “saes máis caro que facerche un traxe”. O que si sei é que debe ser unha idea que estos días anda pola cabeza de certo candidato á presidencia do estado.

Paco, saes máis caro que facerche un traxe. Nunca tanta importancia se lle deu a uns cortes de tela. Non é para menos porque todo isto é en moitos aspectos unha vergoña e penso que o tufo só pode ser con moitas e pequenas reflexións. Velaiván as miñas.

A primeira reflexión ou conclusión que se me ocorre é que o candidato Popular é un candidato flebe, sen ningún tipo de poder ou que non sabe exercer. Xusto todo o contrario do que se necesita nestes tempos: Rajoy, tras a dimisión de Camps, da a impresión de que é calquer cousa menos un líder.

Só foi quen de obrigar a Camps a dimitir cando o xuiz declarouno, inequívocamente, imputado. Iso demostra que Rajoy non é quen de por orde na súa propia casa, que hai moitos que mandan, tanto ou máis que el… e xa se sabe, cando nun barco hai moitos patróns, o único que fai é dar voltas e voltas.

Un bo líder, un bo patrón, tería feito dimitir a Camps no seu momento, tería imposto a súa vontade.

Outra reflexión é a da falta de moralidade de todo isto, e non estou a falar do pouco ético que é o delito que poidera ter cometido Camps. Falo da escasa, se non nula, ética que hai en presentarse a unhas eleccións nestas circunstacias: calquer cousa vale para gañar unhas eleccións, ata ser candidato sabendo que no futuro o máis probable é que haxa unha imputación.

Non podo pensar que a xente votase a Camps co coñecemento de que posiblemente sexa un delincuente. Paréceme inconcebible. Estou convencido de que a xente que votou a Camps fíxoo co firme convencemento da súa rectitude e da súa inocencia… pero e agora que ten sido imputado? Imaxinade que fora declarado culpable? Acaso non tería enganado a todos eses votantes seus que o votaron porque pensaban que era inocente? Sinceiramente, a min paréceme dunha amoralidade terrible.

Image
A última reflexión que se me ocorre afecta a toda a clase política por igual. Este asunto non ven máis que a demostrar a falta de vergoña e de honradez dunha parte importante dos políticos españois. Un político honrado e cun mínimo de vergoña, ante un escándalo como este, debería, inmediatamente, dimitir. Pola contra un político español o que fai é repetir unha e outra vez que é inocente, que é honrado e que todo é unha farsa. Sinceiramente, a quen sirven? A eles mesmos ou aos cidadáns? Se sirvesen á cidadanía, como debería ser, aceptarían dende o principio que son prescindibles.

Fáltalles humildade, porque só o humilde é quen de recoñecer os seus erros e pedir disculpas por eles. Camps ven de dimitir e aínda así el non fixo nada, non é malo. El é o bo, e os malos son os outros. Onde está a súa humildade? Acaso é un home tan notable que é imprescindible? Pensará unha persoa como el que está á altura de Mahatma Ghandi ou de Malcom X?

Ocórreseme outra expresión máis, e sen saber aínda si Camps e culpable ou non, penso… os traxes incluirán lubas brancas?