UA-55725853-1
Amosando publicacións coa etiqueta Estambul. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Estambul. Amosar todas as publicacións

24 de xan. de 2012

Terceiro día en Estambul

Prácticamente vai facer un ano da nosa lúa de mel e aínda agora sigo escribindo sobre alquela viaxe… De regalo de Nadal a miña muller regaloume un libro de fotografía (non de fotografías) que aparte de alimentar os meus coñecementos  está a alimentar a morriña porque moitas das fotografías que ilustran eses coñecementos son da misteriosa Estambul.

Así que, cas lembranzas das rúas, do bósforo, das mezquitas realimentadas polo libro, decidín lanzarme de novo a contar aqueles días.

Xa vos falara nas outras entradas da Mezquita Azul, de Santa Sofía, do Pazo Topkapi e da Torre Gálata, e despois de tanto edificio monumental, o último que nos apetecía era pasar o domingo metidos en outro, así que o fomos de paseo. Facer o camiño andando dende o fermoso e romántico Ortakoi, antes pequeno pobo de pescadores, agora lugar de moda cheo de pubs e restaurantes á sombra da impresionante Ponte do Bósforo, ata Dombalaçe e o seu sobredimensionado pazo.

Image

Ortakoi non é moi grande, algo así como Bouzas, pero aínda conserva o encanto das súas casas de madeira pintadas en vívidas cores. Un pode chegar a pensar que a cultura islámica é aburrida, que renegan da alegría porque en certo modo iso é o que nos fai ver o prisma occidentalizador e cristián que temos diante dos ollos, pero non é así porque Ortakoi parece un deses pobos turísticos do sur pero máis auténtico, máis natural.

Image

Ten un aire bohemio, de barrio de moda que aínda non perdeu o seu encanto suburbano cas súas casas de tres ou catro plantas e local de comida ou pub no baixo.

Image

E logo está a fermosísima mezquita de Ortakoi, de estilo barroco, con dous minaretes e xusto a pe de mar separando duas prazas físicamente, unha que ten o mercado e outra, máis pequena, ateigada de terrazas e locantasi.

Image

Pero non só a mezquita domina a vida de Ortakoi, tamén outras cosas, como o Bósforo de escuras e frías augas, e a súa imponente ponte que o cruza para alcanzar o lado asiático… a primeira ponte que uniu o lado Europa e Asia, e que ilumina as oscuras noites de Estambul porque a ponte ilumínase de noite e cambia de cor contastemente; Image

Image

ou as decadentes mansións de pedra onde o sultán e os seus cortesáns, polo menos os máis ricos, pasaban os abafantes días de verán lonxe da fervente monotonía urbana;

Image

ou o incesante tránsito de barcos camiño do Mar Negro ou do Mediterráneo que miles de ollos observan pasar dende as colinas dunha marxe e da outra.

Image

Conta o escritor estambulí Orhan Pamuk que un dos pasatempos favoritos da cidade e contar os barcos que pasan polo estretito, que nos miles de ventanas que miran para o estreito sempre hai alguén contando barcos.

Image

Image

Por certo, tamén en Ortakoi, como en Santa Sofía atopamos un parente turco de Moqui, e ben cariñoso que era o peludiño.

Image

Image

Image

O camiño que leva dende Ortakoi ata Estambul segue a costa do Bósforo, mostrando os restos do glorioso pasado da cidade, que se presenta neste caso, en forma das grandes mansións dos príncipes ou dos bajas dos sultáns, que agora son escolas ou hoteis de luxo. Parece ser que antes había moitas máis mansións veraniegas, pero que a decadencia do imperio foinas entregando unha a unha ás ávidas fauces do lume. Observar eses incendios foi no seu momento outro dos pasatempos dos estambulíes.

Parte dese pasado decadente dos últimos anos do imperio otomano é o Parque Yildiz, un apartado parque do que esperabamos moito máis. Gran parte do parque estaba nun estado de total abandono, sen auga nas fervenzas nin nos estanques e cheo de malaherba apoderándose de todo.

Image

Aínda así atopámoslle o lado bo, mirar un esquío por acó, un deses peculiares corvos turcos por aló, facer moito exercicio subindo polas empinadas costas do parque… e a zona dos pabillóns.

Image

Por sorte esa era unha zona completamente distinta, completamente coidada. Trátase duns antigos pabillóns de recreo con estanques e incluso unha pequena mezquita de madeira e agora adícanse a hostelería, aunque en realidade parece ser que este pabillón, o da foto de abaixo, o pabillón Çadir, usouse máis ben como prisión. Pero que prisión, porque alí foron encadeados incluso sultáns depostos. Murat V e a súa nai foron encadeados durante 27 no pabillón Malta despois de ter reinado nada máis que uns meses.

Image

Image

Pero o que máis nos sorprendeu do parque foi que estaba cheo de cans ceibos. Ao saír do parque paramos nun pequeno posto a mercar un deses zumes naturais dos que hai por todos lados en Estambul e o home explicounos que había o costume de que os cans sen dono quedasen nese parque mentras eran coidados pola protectora de animais.

Image

Logo do paseo polo parque, comida en Besitkas e outra vez ao camiño, e foi entón, casi chegando ao estravagante, recargado e caro Pazo de Dolmabahçe, que nos pasou o incidente do limpabotas.

A cousa foi que de súpeto adiantounos un limpabotas e xusto cando ía uns metros por diante nosa, caéselle da caixa un cepillo. Eu reaccionei instintivamente, collín o cepillo e avisei ao tipo para llo devolver. Pobre de min, o home, agradecidísimo, ofreceuse a limpar os meus zapatos. Eu negueime… durante uns segundos, porque o home insistía e insistía… así que ao final non tiven máis remedio e aceptei o ofrecemento. E entón, cando vin o esmero, como traballaba o tipo, decateime de que estaba a ser timado, que ao home non se lle caera o cepillo, que o tirara el e que ía ter que pagar o servizo… e vaia se o paguei, 14 liras turcas, 7 euros, pero iso si, a lo menos o limpa fixo un traballo excelente (iso lémbrame que vos fale das caixas dos limpabotas de Estambul).

Image

E así, cos zapatos ben limpos, chegamos ao Pazo de Dolmabahçe. A mediados do século XIX o sultán Abdül Mecit I cansou de vivir no frío e anticuado Pazo de Topkapi, así que decidiu que era o momento de construir un novo.

Image

Así que tirou de crédito, e, cun custo de máis ou menos 35 toneladas de ouro, na costa do Bósforo, fixo construir un pazo de estilo Neobarroco.

Image

Dolbamahçe Sarayi é unha brutal mostra de opulencia innecesaria que fixo máis patético o estado de imparable decadencia do imperio otomano: ten unha das maiores arañas do mundo, feita en cristal de Bohemia e regalada pola Raiña Victoria: setecentas cincuenta lámparas e catro toneladas e media de peso;

Image

ten 248 habitacións, 43 hals, 6 baños turcos e aproximadamente 2700 ventanas; ten tamén o Salón de Ceremonias, que corresponde exactamente ca sección máis grande do centro do edificio, unha inmensa estancia cun aforo para 2500 persoas, cun teito abobedado a tres plantas do que pendra a famosa lámara;

Image

ten a maior colección de candelabros de cristal de Bohemia e unha escalinata feita de cristal de Baccarat e bronce co pasamáns de caoba, e todo iso para a gloria do sultanato.

Pero despois da I Guerra Mundial chegou a república, da man do chamado “pai dos turcos”, Atatürk, o recoñecido fundador e primeiro presidente da Turquía moderna. Atatürk, xa lenda en Turquía, pasou os seus últimos anos no pazo, onde morreu ás 9:05 do 10 de novembro de 1938. O caso é que todos os reloxos do pazo están parados a esa hora.

Image

 

Image

Gustaríame poder mostravos algunha imaxe do interior do pazo, porque a pesar de todo, era fermosísimo, pero non deixaban tirar fotos así que rematarei a vista do pazo, ca imaxe da mezquita que hai diante do pazo, a mezquita de Dolmabahçe.

Image

Como podedes ver nesta foto, obsérvase claramente a sección central, onde está o Salón de Ceremonias, unha demostración clara da fastuosidade e a desproporcionalidade do pazo.

Image

Despois da visita apetecíanos algo de tranquilidade así que collimos o teleférico subterraneo e subimos a Taksim para dar un tranquilo paseiño por Istiklal Cadesi, recorrer a rúa chea de xente, facer comprar, cas súas luces e tendas abertas a todas horas, o final perfecto a un día maravilloso e perdérmonos por unhas rúas nas que pasamos un pouco de medo porque colleunos a noite sen ter moi claro onde estabamos. Ao final o único que nos apetecía era coller algo de comida rápida e marchar a cear ao hotel e lembro que esa noite non me molestou o son da discoteca do outro lado da rúa.

Image

10 de set. de 2011

Segundo día en Estambul (2)

Fai xa varios días que non falo da nosa viaxe a Estambul e xa vai sendo hora de retomar esta pequena crónica.

Falaba no artigo anterior da mística e da realidade do Harén, desa parte da vida otomana que tanta literatura ten producido en Europa e que ten creado unha falsa imaxe dos haréns no noso imaxinario común.

O Pazo de Topkapi non remata no harén. A saída da visita lévanos directamente ao terceiro patio, o centro da vida privada e masculina do pazo. Era a zona privada do sultán e a dos eunucos brancos, xoves que, dun xeito similar ás escravas do harén, eran traídos ao pazo para servir e educarse.

Image

O tempo aínda era peor que cando estabamos no patio das favoritas, e decidimos empezar a visita ás reliquias que garda o pazo, o tesouro nacional do mundo islámico. Estabamos conxelados.

Porque, de algún xeito, o Pazo de Topkapi é o Vaticano do mundo islámico.

En 1517 caeu o sultanato mameluco que levaba uns 300 anos gobernando gran parte do mundo islámico: Exipto, Palestina e a parte máis importante da península arábiga porque era a que incluía os lugares santos da Meca e Medina. O conquistador foi sultán otomano Selim I, o Valente, neto de Mehmed II que como consecuencia desta conquista e tras a posterior de Siria, fíxose co título de Califa (sucesor do profeta), o que o facía principal gobernante de todo o mundo islámico, tanto suní como chiita, e nombrouse “O Criado dos Dous Sagrados Lugares Santos”.

Conto isto, porque Selim I logrou o control de dúas reliquias que o lexitimaban como Califa: a espada e a capa do Profeta, que levou xunto moitas outras que atopou en Siria, Exipto e mesmo en Arabia, para Estambul. Espadas dos fillos do Profeta, os primeiros coráns escritos a mana, o turbante do profeta Josue, a espada de David, o bastón de Moises e o brazo e man de San Xoan Bautista… Agora esas reliquias gárdense en exposición en varias salas do Pazo de Topkapi xunto con vellas pezas da Meca e da Kaaba, todas elas descartadas ao ser substituídas por novas, e que logo eran consideradas obxectos sagradas, como bisagras, vigas, chaves, etc.

Segundo parece, e por mor destas reliquias, o Pazo de Topkapi é considerado lugar de peregrinaxe, e un musulmán pode quedar libre de ter que ir á Meca se o visita. De feito, non podedes imaxinar como era aquilo: a cola para as reliquias era permanente e comezaba na ultima das vitrinas e remataba na porta de entrada, todo cheo de xentes con largas túnicas e turbantes ou con hiyab, os máis deles con longas barbas e incluso había unha muller con niqab (teño a lembranza de ter visto unha muller con burka, pero non estou seguro), xentes que en algúns puntos paraban a rezar con todo fervor. Por megafonía soaba a voz dun dos imáns encargados de ler por quendas os suras do Corán, as 24 horas do día, os 7 días da semana.

O pabellón de Bagdad

Ao saír das salas das reliquias buscamos a tranquilidade invernal do cuarto patio. Esta é a zona de recreo e relaxación do sultán, unha serie de xardíns sobre terrazas a diferentes niveis mesturados con paitos con fontes e estanques e unha serie de pavillóns finamente decorados.

Braseiro no Pabellón de Bagdad

Como podedes ver nestas imaxes a opulencia e a finura estaban presentes en todas partes. Os mellores mármores para as terrazas e as máis elaboradas filigranas incluso para os braseiros.

Image

Image

O Pavillón da Circuncisión, lugar no que se lle facía esa operación ao herdeiro do sultán, o Pavillón de Bagdad, o pavillón do médico do sultán… todos eles e outros que non chegamos a ver, situados no extremo norte do promontorio no que se sitúa o pazo, dominando cas súas vistas o Corno de Ouro e a Ponte de Gálata, a parte vella de Estambul, Gálata e Beyoglu, o Bósforo e o mar de Mármara e toda a costa asiática da cidade.

Image

Image

Image

Sinceramente, a estas alturas da visita, a iso da unha da tarde xa non podíamos ca alma pero había que seguir aínda que fóra cunha parada na cafetería – restaurante do pazo, un fermoso pavillón cunhas estupendas vistas (non aquel día) do mar de Mármara e a zona asiática. Non podedes imaxinar o ben que sentou aquela parada: na terraza, baixo un toldo atopamos unha mesa seca e alí tomamos uns tés ben quentes e larpeiradas típicos. De súpeto saíu un raio de sol e, cos basos fervendo nas mans o corpo pareceu encherse de novo de enerxías.

Image

A seguinte parada foi no terceiro patio, no museo dos tesouros do pazo. Neste museo, ao longo de cinco ou seis interminables salas, gárdanse ricos obxectos regalados ou feitos para os sultáns, moitos deles xoias de valor incalculable. Pendentes ou colares de ouro macizo con esmeraldas e rubís, copas ou botellas de cristal ou de nácar con fabulosas incrustacións, o Diamante de Kaşıkçı de 86 kilates (unha cousa do tamaño dun puño que é o terceiro diamante máis grande do mundo), o carísimo Puñal de Topkapi, feito en ouro, esmeraldas, diamantes e outras pedras preciosas, un inmenso trono de ouro, esmeraldas e rubís no que o sultán sentaba na Porta da Felicidade nos actos públicos, pezas de ébano e de xade… de marfil… podería escribir liñas e liñas dos fabulosos obxectos que alí había a cada cal máis valioso e fermoso.

Image

Cando saímos do museo decidimos que xa non podiamos máis, que tiñamos que saír de alí canto antes. Unha rápida visita á exposición das inmensas roupas que usaban o sultán e os seus fillos naquelas épocas (naquelas prendas sin sentido poderíanse esconder dous ou tres edus), outra rápida visita á Biblioteca de Ahmed III e outra un pouco máis longa ao Salón da Audiencia.

Este salón, ao que pertencen a imaxe anterior e a seguinte, e o que se usaba para as recepcións políticas do Sultán. Nel o sultán esperaba a gobernantes estranxeiros e outros líderes, os cales non podían pasar máis alá dese lugar, xa que o terceiro patio como xa dixen era completamente pechado ao exterior.

Un dirixente estranxeiro ou un diplomático cruzaba a Porta da Felicidade e directamente pasaba ao Salón da Audiencia xa que a súa entrada está xusto diante desa porta e non tiña posibilidade de outro contacto co mundo privado do pazo.

Image

Image

Xa de volta ao terceiro patio quedamos impresionados cas chemineas das cociñas do pazo que é o que se ve na imaxe anterior, e ca recargada Sala do Consello Imperial, onde se reunían os oficiais militares e os cargos políticos que dirixían o imperio. Por riba desa sala hai unha torre á que accedía o sultán unicamente e dende a que podía ollar en secreto aos seus conselleiros antes de acudir as reunións.

Image

Image

Esta última imaxe é da Porta Imperial, cas súas torres octogonais, porta que separa o segundo do terceiro patio. Aquí decidimos que o único que queríamos era ir a comer e non tardamos en atopar o sitio: un pequeno restaurante típico en Sultanahmet, un restaurante ao que, segundo parecía, van a comer as familias estambulíes nos días de festa, que estaba cheo e no que probamos a sopa turca (çorba), unhas albóndegas chamadas kofte e pilaf (arroz) cuns pementos parecidos aos italianos. O restaurante chámase Sultanahmet Köftecisi, e leva aberto dende os anos 20.

No restaurante recuperámonos o suficiente como para saír a pasear polo centro do Estambul antigo. Empezamos a seguir rúas cada vez máis estreitas e de súpeto decatámonos de que estabamos nas portas do Gran Bazar. Como é un mercado interior non o pensamos dúas veces e decidimos entrar. Non tardamos en saír de novo: non podes parar nos postos a mirar o que teñen porque rápido es asaltado polos comerciantes. “Aquí non se ven a mirar, vense a comprar” díxome un en inglés.

Decidimos que era o momento de buscar onde tomar un te e comer algo. Nun pequeno café da zona pedimos dous tes e unha ración de baklava… nun insuficiente inglés, o dono preguntounos canto queríamos e lle dixemos que un para cada un, pensando que sería un anaco pequeno… xa nunca máis esqueceremos ese principio de que para probar algo novo hai que pedir claramente un anaco para os dous, porque unha ración (para dúas ou tres persoas) é medio quilo de baklava, así que de súpeto tiñamos na mesa un quilo daquel pastel. Aínda por riba o home preguntou si queriamos azucre… Lupe díxolle que non porque parecía ser moi doce.

Enganados estabamos: o baklava é unha masa feita de noces trituradas mesturada ou montada con pasta filo, que está moi rico pero que se fai moi pesado… e que se non lle botas azucre non é nada doce. Tomamos un pouco e levamos o resto con nos. O home aínda debe estar a rir…

Logo, xa máis tranquilos, volvemos ao Gran Bazar pero o corpo non daba para máis así que collemos algo de cear e decidimos que aquel día remataba ás sete da tarde, cun bo e merecido descanso no hotel.

3 de ago. de 2011

Segundo día en Estambul (1)

Non vos falei do almorzo turco. É un almorzo abundante, tanto como o almorzo continental inglés, pero moito máis saudable. Leva te (como non), aceitunas negras e verdes, tomates cherry, pepino, queixo feta, uns fiambres e salchichas que supoño non estaban feitos de porco, e unhas cousas que se chaman sigara böreği (lese sigara boereei) que son como empanadillas recheas de queixo feta pero feitas con pasta filo. Que cousa máis rica… a ver si as fago un día de estos que non son difíciles de facer.

Ese día, sábado, decidimos visita-lo Pazo Topkapi, que é o pazo onde residía o poder otomano que dominaba Turquía, Grecia, Persia, Palestina, Grecia e gran parte do leste de Europa. Era a residencia do Sultán, do seu Harén, e de toda a corte e do governo. O seu nome significa “Pazo da Porta dos Cañóns”.

A entrada principal está xusto detrás de Santa Sofía. É a Porta Imperial. Dende ela tomei estas dúas fermosas imaxes da Mezquita Azul e de Santa Sofía.

Mezquita Azul dende a Porta Imperial Santa Sofía dende a Porta Imperial

O pazo está nun cabo entre o Mar de Mármara e o Corno de Ouro, estratéxicamente situado para controla-lo acceso ao estreito do Bósforo e para contro-la cidade. Mirade a maqueta do pazo que hai á entrada. Foi mandado construir polo sultán Mehmet II aos poucos anos de conquistar Estambul e ocupaba unha superficie de 700000 m2.

Maqueta do Pazo de Topkapi

O pazo ten catro patios e cada patio separado do outro. O primeiro é o máis grande e o máis exterior. Era un gran parque público de acceso libre e nel está agora o Museo Arqueolóxico. Logo pasas a Porta do Saúdo e entras no segundo patio que era onde se facían as celebracións e as recepcións as que asistía o sultán. Era un patio semipúblio e só se entraba nel en contadas ocasións. O sultán sentaba no seu impresionante trono de ouro e esmeraldas xusto na entrada ao seguinte patio, o terceiro, o primeiro dos dous patios interiores do pazo. Neste patio tamén estaban as cociñas, os salóns onde se reunía o consello do sultán e a entrada ao Harén.

O Harén, en contra da crenza popular occidental, era principalmente a residencia das mulleres da familia do sultán. Alí vivían a nai do sultán, as esposas, as fillas e os fillos do sultán. E como non as concubinas e as escravas ao servizo de toda esta estructura. Os únicos homes que podían entrar nel eran o propio sultán e os seus fillos. As escravas eran traídas de todos os rincóns do mundo pero nunca eran de orixe musulmán porque o Corán prohibe a escravitude dos creentes. A estructura era moi simple: toda muller do Harén era unha odalisca, agás as 4 mulleres do sultán. As mulleres entraban no Harén como escravas ao servizo de outras mulleres e da familia do sultán. Se tiñan cualidades (fermosura, intelixencia, etc) eran seleccionadas e adiestradas e pasaban a ser alumnas da escola do harén: aprendían artes e idiomas, e podían acabar por ser esposas de funcionarios ou oficiais.

Cando remataban os estudos pasaban a ser “diplomadas” e se eran consideradas interesantes para o sultán entón eran “observadas”.

Logo podían ser seleccionadas para ser concubinas do sultán, e se tiñan un fillo do sultán entón chegaban a ser unha das esposas. Normalmente o sultán tiña 4 pero podían chegar a ser 8. Moitas delas tamén podían chegar a ser funcionarios do harén e cobrar impresionantes soldos do sultanato.

A partires deste punto pasaban a formar parte da familia do sultán:

  • Haseki Kadin, as nais das fillas do sultán.
  • Haseki Sultán, as nais dos fillos do sultán, e polo tanto dos pretendentes ao sultanato.
  • Esposas do sultán.
  • Baš Haseki, a nai do herdeiro declarado, a primeira esposa.
  • Sultana Valide, a nai do sultán.

Supoño que a estructura sería máis complicada que todo isto e que contar todo o que imaxino e todo o que lin levaría entradas e entradas no blog así que só vou engadir unha cousa máis: imaxinade os xogos de poder que habería alí dentro. As escravas querendo ser odaliscas, as odaliscas querendo ser concuvinas e as nais de fillos do sultán facendo todo o posible para que o seu fillo fora o herdeiro…

Aínda así pensade en dúas cousas: aquel era un mundo pecho, do que só podías sair se lograbas chegar a alumna da escola. E aínda así, o harén tiña un grande poder no exterior.

A entrada, digamos, principal era polo corredor e o patio dos Eunucos Negros. Ese día descubremos que o sultán tiña tanto eunucos negros como brancos pero só había dos primeiros ao servicio do Harén. Imaxinades por que? Si, xustamente… era unha salvagarda… un seguro por si algún eunuco quedaba sin castrar e cometía o erro de aproveitarse das mulleres do Harén: se unha prisioneira quedaba preñada e o neno era branco só podería ser do sultán ou dun fillo. Pero si o neno era negro… entón desatábase a caza do eunuco completo e pobre do escravo que estivese sen castrar… máis lle valía coller as tesouras canto antes…

Corredor dos Eunucos Negros

A sala de entrada tiña un estrado que usaba o sultán para entrar no harem a cabalo e baixarse sen perder un chisco da súa honrabilidade e superiorirade... outro privilexio do sultán: o único home que podía entrar a cabalo no harén. Logo dela ven o patio dos eunucos negros e as habitacións destes escravos do harén.

Entrada ao harén

O Harén non é máis que unha serie de edificios adosados e formando patios, cun montón de corredores polos que o sultán ía e viña ao seu antollo. Máis de 300 habitacións, 9 baños turcos, 2 mezquitas, un hospital e unha lavandería. Habitacións das mulleres, habitacións do sultán e dos seus fillos, salas para xogos, para reunións... todo cunha estructura orientada a promover un desexo moi forte... o desexo de chegar a ser a muller con máis poder do sultán... a valida do sultán... a nai do sultán.

Así a primeira parte que visitamos foi a zona onde estaban as concubinas. Tiñan un pequeno e estreito do que lembro que nos chamou moito a atención os murais que decoraban as salas... murais de imaxes campestres. Na vida da maior parte daquelas mulleres seguro que eran as únicas imaxes de espazos libres que miraban en anos. Pregúntome si algunha delas chegaría a aceptar que aquela vida chea de luxos e privilexios pero soterrada nos muros do harem chegaría a compensar a perda de toda liberdade.

Claro que de seguro que para chegar a ser concubinas, na súa anterior vida de escravas había un momento no que aceptaban a súa escravitude e queimaban a súa rebeldía e era xusto ahí cando empezaba a xogar aos xogos de poder e empezaba a soñar co día en que chegarían a ser concuvinas e o día en que lle daban un fillo o sultán e logo soñaban que ese neno chegaba a ser o herdeiro do sultanato e elas as validas con tanto poder como para construir mezquitas.

Cheminea da habitación do Sultán

O certo é que naquela visita, nun día gris, frío e chuvioso, mirando as habitacións valeiras de mobles, de vida, de calor costounos bastante imaxinar a opulencia e a riqueza da vida dentro do harem. En xeral deunos unha impresión bastante pobre ata que chegamos ás habitacións do Sultán agás por un detalle... as chemineas!

Un, na súa fantasía de mil e unha noite aderezada pola peculiar visión do mundo árabe da meca do cine, imaxinaba Estambul como un paraíso subtropical. Pero o certo é que o inverno nese pazo debía ser atroz: Estambul está desprotexida das masas de aire siberián e polo tanto é unha cidade na que son normais as nevadas. E é por iso que todo o pazo está cheo dunhas impresionantes chemineas de cobre ou de manpostería recoberta de azulexos e de xigantescos braseiros como o que se ve na seguinte foto dos Pabellóns Xemelgos.

Sala dos Pabellóns Xemelgos

Xa vos contei antes que a visita empezou a mostrar a opulencia do harén ao chegar as habitacións do sultán. Fermosos azulexos de Iznik, paredes e teitos luxosamente pintados, sempre con motivos vexetais e cores vivas mesturadas con patina de ouro, vidrieiras, madeiras finamente elaboradas... un bo exemplo é o teito das habitacións principais dos pabellóns xemelgos. Tentade imaxinar esta habitación chea de vida, na realidade diaria dun harén cheo de xente.

Teito dunha sala dos Pabellóns Xemelgos

A ruta que se sigue é máis ou menos un exemplo da pirámide de poder do harén. Da zona dos eunucos negros á zona das concubinas. Logo pasamos ás habitacións da Sultana Valide, co xeu magnífico patio. Seguindo o corredor que o sultán usaba para visitar á súa nai, pasamos á parte do propio sultán, ca súa lusoxa habitación con dúas xigantescas camas con dosel engalanado en ouro e unha inmensa chimenea de cobre, o comedor e unha fermosa biblioteca na que non poidemos entrar... a punta da pirámide e de ahí outra vez para abaixo... a área dos fillos do sultán (os pabellóns xemelgos), e, finalmente, a parte adicada ás favoritas, as catro mulleres do sultán, un edificio que daba a un patio aberto con vistas a Estambul. Supoño que este feito é demostración de poder... ou recompensa polo estatus adquirido... a área do sultán está nunha esquiniña do harén, totalmente exterior, fortemente iluminada pola luz diurna incluso en aquel invernal día.

Cama con dosel da habitación do Sultán Fonte da habitación do Sultán
Azulexos de Iznik nunha habitación do harén Hornacina nunha habitación do harén

Non quería por tantas fotos desta parte da visita pero penso que non hai mellor xeito de mostrarvos a grandeza desta parte harén se non é visualmente.

Habitacións das favoritas

Xa vos dixen antes que o patio das favoritas é exterior. Ábrese ao souto, onde vese claramente que están os baños principais do harén e a unha inmensa piscina ao aire libre.

Pabellóns Xemelgos dende o Patio das Favoritas

Esta é prácticamente a parte final da visita: logo está o Corredor de Ouro, chamado así porque parece ser que o sután tiráballe moedas ás concubinas neste sitio, outra vez o Patio da Valida e a saída ao inverno turco no terceiro patio.

Sinceiramente, a visita é moi interesante pero un, que non é parvo decátase de que non temos visto máis que unha pequena parte do harén. Como moito un cuarto ou incluso moito menos.