UA-55725853-1
Amosando publicacións coa etiqueta crise. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta crise. Amosar todas as publicacións

21 de feb. de 2014

Sentido Perfecto

Image

Fai unhas semanas ollei unha peli do 2011 que non me deixou indiferente. A película chámase “Perfect Sense”.

Dúas historias contadas a un tempo, entrelazándose entre elas. A historia secundaria é unha historia de amor... Ewan McGregor como o cociñeiro Michael e polo outro lado Eva Green como Susan, unha epimedióloga de renome. Coñécense... gústanse... etc.

A outra historia, é realmente a historia principal… de súpeto hai unha epidemia global. Hai xente que tras un ataque de tristeza total perden o sentido do olfato. Susan é unha das primeiras persoas que investiga o asunto pero nada se sabe porque descoñécese o que hai, un virus ou outra cousa. Sexa como sexa, nuns días a epidemia é global: todo o mundo perdeu o sentido do olfato, ata Mike e Susan, que van comezar a súa relación amorosa.

Pasa o tempo e volve a saltar a alarma. Un ataque de fame imparable, hai que comer claquer cousa, e a xente perde prácticamente de golpe o sentido do gusto. Volve a pasar o tempo e agora é un ataque de ira que recorre o planeta enteiro: desaparece un sentido máis... o oído.

Supoño que o plantexamento é único, porque non deixa de ser unha película apocalíptica... pouco a pouco a humanidade vai afundíndose nun certo caos. Imaxinade o que pode supor para a humanidade perder o oído... dos poucos homes que aínda escoitan, moitos tratan de axudar aos demais pero outros moitos deixanse levar pola desesperación total e rouban e se volven tolos mentras intúen o tráxico final.

Pero ao mesmo tempo vai contando unha extraña historia de superación e esperanza (a pesares de que o final sexa totalmente desesperanzador). Cando a xente perde o sentido do olfato a comida deixa de apreciarse polo cheiro, aprenden a apreciala só polo gusto, logo por como soa ao cortarse, ao romperse, e logo polas cores.

A xente aprende a apreciar ou lembrar os cheiros por medio da música. Dun xeito ou outro a xente aprende a adaptarse á fatalidade e aprenden a vivir tal como antes pero cas novas condicións. Porque non só é supervivencia... a historia fala de como perseguimos aquelo que nos fai humanos, os sentimentos, as sensacións, os placeres.

Esa parte da película é fascinante e é aquí xusto onde eu quería chegar... porque en certo modo a película fala do que nos está a suceder agora mesmo. A nosa crise... quítannos cousas continuamente... sanidade, educación, dereitos, etc, e nos que facemos? Pois adaptarnos, cambiar, tratar de vivir como se nada, como se tivésemos que disfrutar dunha comida só co sentido do oído... por iso non reventamos, por iso nos acomodamos e miramos a outro lado... e seguimos como se nada, ata ao final de todo, cando xa non nos quede nada, nin a esperanza.

Na película, ao final.. ao final só quedan dous sentidos... un momento de felicidade extrema e desaparece o sentido da vista... non vos podo contar máis, agora deberíades mirala e descubrir o final porque o final é brutal, demoledor. Non creo que nos gustaría que pasara algo así. A min si me pasara...

16 de nov. de 2012

Novas

Acabo de ver a nova no periódico... o Ministerio do Interior vaise cambiar o nome polo de Ministerio do Amor, e tamén o de Economía, que vai chamarse agora Ministerio da Abundancia. Ainda non está claro que ministerios van a cambiar o seu nome polos de Ministerio da Paz e Ministerio da Verdade.

Tamén leo a nova de que un investigador jamaicano acaba de inventar unha droga que, segundo as palabras do inventor, cura dez sentimientos melancólicos e que ten todas as avantaxes do cristianismo e do alcol, sen ningún dos seus efectos secundarios. Están pensando chamala Soma. E que fai uns días nunha universidade americana empezaron un experimento para criar humanos en matrices artificiais... vamos... a ostia! Esperanos un futuro de humanos seleccionados antes de nacer! Grandioso! Adeus ás enfermidades, ás taras, ás diferencias... ao azar.

Por outro lado onte escoitei unha nova sobre unha casa en Portugal. Unha familia de clase media con ingresos máis que suficientes. De súpeto o pai quedou sen traballo pero na casa non souberon que facer... e seguiron mercando de todo como antes, e seguiron saíndo a cear moitos días da semana e outros tantos a comer... e tamén de súpeto, as contas non saían como debían saír e os cartos non chegaban a fin de mes. E conta a nova que para poder pagar as débedas, para poder chegar a fin de mes, o cabeza de familia deseñou, axudado por un famoso amigo economista, un ambicioso plan que levaría á familia a recuperar o seu poder adquisitivo e a súa acomodada vida, e a deixar a cero as súas múltiples débedas. A nova remata contando que dende que só comen gachas unha vez ao día, non mercan menciñas e unha nai inexperta trata de educar na casa aos seus nenos, a familia caeu aínda máis para o fondo e a súa débeda non para de aumentar.

Parece mentira pero en outro papel atopei unha historia similar. Outra familia de clase media, unha casa en Canadá. O pai queda sen traballo e á nai redúcenlle o soldo... Igual que a familia portuguesa atopan difícil chegar a fin de mes e nai e pai deciden que pode ser boa cousa reducir o gasto reducindo as compras innecesarias, as ceas e as comidas fóra de casa... e co aforrado non só logran reducir as súas débedas pouco a pouco, tamén logran chegar a fin de mes.

Falando de casas, sabedes que un papel inglés conta que un home acaba de construír, por primeira vez, unha casa ignífuga? Pregúntome... que vai ser dos bombeiros?

E a última nova que lin na prensa é que a partir do ano que ven ao goberno español vaino escoller o pobo de Bruxelas... por decisión da presidenta do estado alemán, Angela Merkel.

O que pode ler un na prensa...

27 de set. de 2012

25 de Setembro

Seica 10 millóns de españois (de 40 e tantos millóns) votaron ao PP e iso lexitimiza a Mariano Rajoy e ao seu governo para governarnos a todos como se só governase para eses 10 millóns. Tamén parece ser que 11 millóns de votantes abstivéronse de votar (habería que lle sumar os votos en branco e os votos nulos)... como di o meu amigo E. Recio... por coherencia, Rajoy debería dimitir, porque si el, falando para unha valeira asamblea da ONU, apoiouse na "maioría silenciosa" que queda na casa e que traballa e non se manifesta, entón, segundo iso, el, que realmente só conta co apoio dunha cuarta parte da poboación española, debería dimitir XA.

A cousa é que os españois, por moito que nos poñamos, non temos a propiedade conmutativa nin a da ubicuidade, e polo tanto, como singulares que somos, só podemos estar nun sitio, aínda cando desexáramos estar en outro. Moitísimos españois desexarían ter estado estes días en Neptuno, e aínda que non estiveron de corpo estiveron físicamente. Estes días estanse a manifestar en Neptuno e arredores moitos cidadáns, aos que habería que sumar todos aqueles que desexarían estar alí con eles.

Claro que por desgraza moitos españois pasan de todo e fronte a crise só pensan en calar e en resistir como se poda... pero iso non quere dicir que acepten e apoien ao noso marabilloso governo, porque eu xa non escoito voces que o defendan. Non quero votar as contas da leiteira, pero o día que todos estes esperten, realmente vaise ver na rúa que o povo español está ata os collóns deste governo e destas solucións á crise.

E é por iso que eu quero mostrar o meu apoio a todos eses cidadáns que levan varios días de protesta e de pau tras pau (dado por bestas que por moito que o diga o seu carné laboral non son axentes da autoridade ao servizo do estado, son unicamente mercenarios) expoñendo públicamente que eu, como moitos outros millóns de españois non fun a Neptuno pero tampouco son desa falsa maioría silenciosa... eu son desa maioría que berra BASTA XA!!!, Rajoy e seu governo dimisión!!! NON AOS RECORTES!!! QUE SE RECORTEN ELES!!! e como non... OUTRA SAÍDA A CRISE É POSIBLE!!!

Image

7 de xuño de 2012

O Xogo da Arbitrariedade

“-Que fan? –murmurou Bastián-. Que clase de xogo é ese? Como se chama?

-É o xogo da arbitrariedade –respondeu Árgax. Fíxolles sinais aos xogadores e gritou-: Bravo, rapaces! Adiante! Non vos deteñades! […]

[…], si se sigue xogando cen anos, mil anos, cen mil anos, con toda posibilidade sairá unha vez, por casualidade, un poema. Y si se xoga eternamente terán que xurdir todos os poemas, todas as historias posibles, e logo todas as historias de historias, incluída esta na que precisamente estamos falando. É lóxico, non?

-É horrible –dixo Bastián.”

A Historia Interminable, Michael Ende.

Lembrades este marabilloso libro? Eu téñoo lido unhas cantas veces e máis que o lerei porque para min e unha das máis grandiosas historias xamais contada.

O certo é que non vou falar realmente del nesta entrada porque este vai ser outro artigo onde descargar toda a frustración que me causa a crise. Simplemente quería usar un dos capítulos do libro, aquel no que un pobre e desmemoriado Bastián Baltasar Bux, xa heroe salvador de Fantasía, atopa un grupo persoas tirando, ao azar, dados cunha letra en cada cara, como pé para a miña reflexión.

O Cicerone de Bastián, o mono Árgax, cóntalle que esas persoas, agora tolos, antes emperadores de Fantasía, están a xogar ao Xogo da Arbitrariedade porque xa non saben narrar, porque perderon a linguaxe. Tiran os dados eternamente ata lograr que as letras formen algunha historia lexible.

É o que se coñece como o Teorema dos Monos Infinitos: si un infinito número de monos mecanografaran por un intervalo infinito de tempo producirían texto lexible.

“Si o mono puidese pulsar unha tecla cada nanosegundo, o tempo esperado ata que escribise Hamlet é tan grande que a idade estimada do universo é insignificante en comparación... Este non é un bo método de escribir libros.”

Gian-Carlo Rota

Algo parecido pasa co goberno do Estado Español… se tivésemos un número infinito de Marianos Rajoy e de Marías D. de Cospedal pensando á vez durante un intervalo infinito de tempo con toda probabilidade serían quen de dar ca solución á crise?

Ca bolsa en mínimos históricos, a prima de risco disparada, os bancos afundidos, o paro disparado, os soldos e os dereitos dos traballadores baixo mínimos, a moral desaparecida, sen unha clara solución, o malo non é que estamos moito peor do que estabamos o ano pasado, o malo é que aínda podemos estar moito peor.

Tal é para min a magnitude da incompetencia dos que nos están a gobernar: Mariano e “troupe” eran os super heroes patrios, os salvadores dos parados e dos sen teito, os vingadores da economía nacional, e resulta que, case medio ano despois, andan tan perdidos (ou se cadra incluso máis) que Zapatero nos seus mellores momentos, como os habitantes da Cidade dos Antigos Emperadores.

Non vos da a impresión de que agora mesmo Rajoy está facendo como o neno que para pasar un castigo ou un mal trago decide deixar pasar o tempo durmindo na súa habitación?

Cada día que pasa afánanse máis e máis por demostrar a súa incapacidade: esperar por que eles dean ca solución a este despropósito é desesperar. O infinito é demasiado tempo e empezo a pensar se un mono non o faría mellor.

Image

29 de maio de 2012

O Barril do Amontillado

Érase unha vez un home, en Venecia, pero podería ser en Madrid ou mesmo en Ourense, que estaba canso e que só ansiaba vingarse de aquel que lle destrozara a vida así que ideou a mellor vinganza imaxinada… polo antroido invitou ao seu inimigo á súa festa e cando xa se deixara levar un bo camiño polos aires dos mellores viños invitouno a probar o seu caldo máis exquisito… un amontillado que gardaba nun barril no máis fondo da súa bodega.

O home, que aceptou a invitación sen dubidar, porque, aparte de mala persoa era preguiceiro e larpeiro, só podía pensar no delicioso viño mentras camiñaba ao carón do seu anfitrión cada vez máis abaixo… o amontillado necesitaba oscuridade e humidade, de todos era sabido.

Ignorante do seu futuro o home por fin achegouse ao barril do amontillado e emocionado e borracho como estaba case nin se decatou de que era encadeado ao muro daquel profundo souto. Só empezou a ser consciente da súa situación, cando o seu anfitrión, no canto de abrir o barril, empezaba a levantar un muro diante del, e tan só, cando apenas quedaban catro ladrillos, empezou a gritar coñecedor de que tiña toda a eternidade para desfrutar do amontillado.

Image

Non digo eu que haxa que facer como o terrible vingador da historia de Allan Poe, pero non empezades a pensar que todo isto da crise é unha brincadeira inmensa? Non vos gustaría ver a algún responsable encadeado e pagando polos desfalcos, polos roubos, polos enganos? Mentras toda esta panda de mangantes, dende Camps ata Rato pasando polo xuíz ese que tanto gosta de Puerto Banús, gozan da súa liberdade e dos seus cartos, outros como Javier Krae ou diferentes sindicalistas e manifestantes que tan só protestaban polas liberdades e os dereitos de todos, ven como unha posibilidade real pasar varios anos no caldeiro.

E a nos o único que nos move a sair á rúa son o Madrid, o Barça e o Depor. No fondo tamén nos deberiamos ir emparedados cos outros e co barril do amontillado porque é o que nos merecemos por imbéciles e crédulos.

30 de xuño de 2011

Non estamos en crise, estamos de saldo

Eu ben o teño claro despois de ler as últimas novas na prensa diaria... pensades que os que dirixen eses monstros con ridículas siglas, como o FMI, o BCE, a Comisión Europea, etc... pensades que todos eses teñen idea de que facer para sair desta crise na que nos meteron os xigantescos, descomunais avariciosos? Non, non a teñen: só saben como facer todos o posible para que os especuladores, os que realmente teñen os cartos, os que dirixen a economía, non perdan nin un can, segan a gañar cartos, non, gañen aínda máis. Só saben como facer que todos eses fagan o seu agosto a costa desta crise que pagamos todos.

Non estamos de crise, estamos de saldo. As xentes do mundo, vendidos ao mellor postor por miserias... como nesa película que é unha das miñas favoritas, esa que botan todos os anos polo nadal... "Que fermoso é vivir!" Unha das partes da historia de George Bailey. El acaba de casar ca muller que, sen el o saber, era a muller da súa vida, Mary Hatch, cando cae o telón e estala a crise do 29. Desátase o pánico e a xente quere sacar os seus cartos dos bancos. O rico do pobo, o Sr. Potter empeza a compra-los pagarés dos veciños, xa que os bancos pecharon as súas portas, a 50 centavos por cada dolar invertido. A xente tírase de cabeza... como digo, todo é pánico, agás por onde pasa o protagonista, o delgaducho e recén casado George. Entra na súa oficina, a dunha empresa que preta diñeiro para construír casas a moi baixo interese e enfréntase á xente que non deixa un oco libre, xente que quere recuperar os seus cartos... el explícalles que non pode ser, que alí non hai efectivo, que os cartos están invertidos nas casas dos cooperativistas, e que quen os quera terá que esperar dous meses... entón entra alguén falando da ganga que ofrece Potter e George corre a pechar a porta, desesperado. Sabe que si non logra convencer a esas persoas do contrario, a súa empresa desaparecerá nas máns do Sr. Potter. De súpeto aparece a solución: a súa muller lembra que leva enriba 2000 dólares, os que tiñan para gastar na lúa de mel, e sin pensar en que van quedar sen ela... empezan a repartilos entre os cooperativistas, xente que non ten cartos, e que necesitan comprar comida, pagar pequenas facturas... ao final, a empresa dos Bailey sobrevive e só lles sobran dous dólares, que son metidos na caixa forte con gran ceremonia e alegría desexando que fagan como os coellos. Logo soa o teléfono e chama a Sr. Bailey... George esquencera que estaba casado.

Conto todo isto para por en situación unha frase que di George: "No comprendedes o que está ocorrendo? Potter non vende... Potter compra! E por qué? Por que nos temos pánico e el non! Eso é! Está a facer grandes negocios."

Se queredes mira-la secuencia enteira, pulsade aquí... paga a pena, é moi significativa do que está a acontecer nestes tempos...

Mirade Grecia, cerne da nosa cultura milenaria... En Grecia parte dos cartos recaudados polo fisco poderán ser usados para pagar a débeda do país... e dos bancos!!! Cal é o destino entón do que se lle presta ao pais para que non vaia á merda? O mesmo, paga-la débeda!!! Os cartos non se destinan a sair da crise... úsanse para aumentala riqueza dos que xa son máis ricos. Non para alivia-la miseria da xente.

A este ritmo un día destes aperán carteis de venta na Acrópole atenense... Que vergoña!!!

Image