Mostrar mensagens com a etiqueta Cantos. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Cantos. Mostrar todas as mensagens

sexta-feira, outubro 29, 2010

John Adams en Galicia

(anaco do Canto LXV de Ezra Pound)

As leises dos visigodos e de Xustiniano aínda en uso en Galicia,
13 mulas 2 arrieiros chegando a Coruña ás 7
o porco deste país excelente e delicioso
tamén o touciño, o Xustiza Maior infórmame de que
a maior parte deles
engórdanse con castañas e millo
outros porcos din que se ceban con víboras
posíbeis importacións a España:
grans de tódalas clases, brea, trementina, madeira,
peixe salgado, espermaceti e arroz.
Tabaco xa teñen das súas colonias,
asi coma anil,
do tabaco do Rei toman 10 millóns de arrobas ao ano
Observei a damas que tomaban chocolate á española
comín a bordo da Belle Poule
Galicia, non hai pisos, senón o chan apisonado ata volvelo lama polo
home os porcos cabalos e mulas
non hai cheminé a medio ascenso ao rubir á recámara
había un lugar cuberto de palla
na cal estaba un porco para o engorde
enriba, o millo estaba pendurado de paus e de fendeduras
e nun curruncho unha arca chea de semente de nabo silvestre, ou colza
e no outro un celeiro cheo de avea
entre a cal durmín mellor que en ningures desque a miña chegada a España
En xeral os montes están cubertos de biorto
escasamente atopas olmo carballo ou outra árbore

Image

domingo, junho 19, 2005

Unha traducción de Pound

Pois iso: mentres matamos o tempo antes de que se resolva a anguria electoral, aquí vos deixo unha traducción que fixen do Canto Terceiro de Ezra Loomis Pound, grandísimo poeta norteamericano, ao que admiro enormemente (tamén facía discursos para Radio Roma e era admirador de Mussolini; nadie é perfecto, mais en todo caso os seus poemas non deixan por iso de ser sublimes, e se buscades xustiza -non poética-, xa penou dabondo o poeta na gaiola en que o tiveron pechado).

CANTO NÚMERO III
Sentárame nas gradas da Dogana,
porque as góndolas custaban demasiado aquel ano,
e non estaban "aquelas mozas", había unha cara
e o Bucentauro a unha vintena de iardas, ouveando "Stretti",
e as vigas mestras iluminadas, aquel ano, no Morosini,
e os pavos reais na casa de Koré, ou quizaves estivesen.
Deuses flotan no ar azurado,
luminosos deuses, e toscanos, de antes de que fose verquido o orballo.
Luz: e a primeira luz, antes de que nunca o orballo caese.
Paniscos, e do carballo, dríade,
e da maceira, mélida,
por todo o bosque adentro, e as follas están cheas de voces,
en susurro, e as nubes cómbanse sobor da lagoa,
e hai deses sobre elas,
e na auga bañistas de amendoada brancura,
a auga prateada que vidra o pezón voltado para arriba,
como dixera Poggio.
Vetas verdes na turquesa
Ou, as gradas pardas ruben por detrás dos cedros.
Mio Çid cavalgou ata Burgos,
ate a porta engastada entre dúas torres,
bateu co conto da lanza, e unha nena apareceu,
una niña de nueve años,
na pequena galería sobre a porta, entre as torres,
a ler o decreto, voce tinnula:
"Que ninguén fale, dé pousada, axude a Ruy Díaz,
baixo pena de que se lle arrinque o corazón, e posto en punta de pica
e de perdé-los ollos, e tódolos bens confiscados,
e aquí, Mío Çid, están os selos,
o selo real e a firma".
E él baixou de Vivar, Mio Çid,
sen deixar alá os falcóns nos seus poleiros,
e roupa algunha alá, nas prensas,
e deixou a súa Arca con Raquel e con Vidas,
a grande arca de area cos prestamistas,
para ter a paga da mesnada,
e abrirse camiño cara Valencia.
Inés de Castro asasinada, e a parede
aquí espida, aquí feita para durar.
Triste destrozo, o pigmento escámase da pedra,
ou a argamasa descascara, Mantegna pintou a parede.
Trapos de seda, "Nec Spe, Nec Metu".