Mostrar mensagens com a etiqueta recortes. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta recortes. Mostrar todas as mensagens

sábado, fevereiro 21, 2015

Economía política feudal

No passus VI do poema medieval inglés Piers Plowman narrase a chegada dunha presada de peregrinos diante de 'Pedro o Labrego', que se ofrece a guialos polo camiño da Verdade unha vez que remate de sachar o medio acre de terras que ten a carón da estrada. Porén, e coma bo texto medieval, a narración artella a continuación unha alegoría sobre o funcionamento da sociedade europea do século XIV e a percepción dos seus grupos e dos deberes e interrelacións destes.

Nefeito, Piers representa a toda a clase labrega que constitúe o soporte material, co seu traballo agrícola e gandeiro, de tódalas demais clases. E mentres os peregrinos agardan que Piers remate de sachar, non poden ficar de mans cruzadas, poñéndose a traballar do xeito que corresponda. Ante a pregunta das donas, Piers recoméndalles que se poñan a reparar sacos e a tecer panos, roupas e decoracións para a igrexa. Segue un cabaleiro, modesto, que se ofrece a aprender a tirar do arado, mais ao que o campesiño excusa de tal traballo: o seu deber, dille, será o de defendelo dos nugalláns e gastóns e das agresións exteriores. Ao tempo, prégalle ao cabaleiro que sexa indulxente coas persoas ao seu cargo, engadindo como acicate que a morte a a outra vida poden alterar os ordeamentos sociais deste noso mundo, facendo do servo señor e do señor, servo.

A referencia ao terceiro orde, oratores (logo dos laboratores e dos bellatores) é algo máis oblicua: no seu testamento deixa sentado Piers que xa que sostivo á igrexa (e indirectamente, ao clero) co dezmo mentres viviu, correspóndelle a esta velar pola súa alma e rezar por el despois de morto. Excusando, pois, aos que recen e aos que loiten, os demais peregrinos deste mundo terán que traballar: algúns nos seus oficios, e outros na labranza. E Piers porase a dirixir as tarefas e a comprobar a dilixencia de todos.

Entra en acción o parasitismo: pois varios dos peregrinos deixan o traballo a media mañá para adicarse ao canto e á preguiza; estes nugalláns néganse a traballar: os menos ousados finxen enfermidades varias, e os máis atrévense a ameazar ao labrego e a facer caso omiso do cabaleiro. Faise necesario un Deus ex machina que resolva o entorto, e aparece na alegoría do terceiro xinete da Apocalipse: a Fame.

Image
























Man de santo: atormentados pola fame, os nugalláns están dispostos a comer do peor alimento (nas verbas do poeta, o que comen os porcos, os cabalos e os cans) e a traballar sen descanso de sol a sol. Mais o agradecido labrego coméntalle á Fame que, cando veñan os bos tempos e as boas colleitas, han ter máis demanda os traballadores da súa man de obra e tornarán arrogantes e non tan dispostos a comer as comidas habituais. Como remedio, a Fame recomenda ir mellorando as viandas dos obreiros segundo as merezan. O que non quita a moi cristiá demanda de axudar, de todas maneiras, a aqueles que realmente o merecen e non poidan vivir do seu traballo.

É interesante ler estas visións medievais do mercado laboral en contraste co presente daquela e co de agora: é ben sabido que a mediados do século XIV (época na que William Langland escribiu o Piers Plowman), o continente veuse afectado pola epidemia da Peste Negra, que literamente volatilizou en poucos anos a entre un terzo e a metade da poboación europea. Unha das consecuencias inmediatas (e paradóxicas) da peste sería o de mellorar as condicións de vida das clases baixas que sobreviviran: os señores feudais contaban agora con moitas terras e poucos traballadores, e víanse na obriga de pagar 'altos salarios' aos labregos ou sufrir a súa marcha e conseguinte perda de rendas. A lexislación púxose a andar da mans das reconvencións contra a gula e a preguiza do Piers Plowman: en 1351, el-rei Eduardo III promulga un Estatuto dos Traballadores no que esixe que todos aqueles que estexan libres de compromisos previos teñan que aceptar traballar para o señor que o solicite, e cobrando o mesmo salario que se cobraba unha década atrás. Vamos, o mesmo que hoxe chamaríamos unha devaluación salarial, anque sen a excusa de gañar competividade: a sociedade feudal era máis directa e menos hipócrita nos seus discursos públicos e políticos.

quarta-feira, novembro 17, 2010

Recortes

En vista de que ás medidas que aprobou o goberno para o ano en curso no que toca a recortar soldos funcionariais (media do 5% aprobada en maio -e maior para os funcionarios máis calificados, do grupo A- e ata un 46% da paga extraordinaria de decembro) váiselle engadir un novo 7,8% (recorte, por certo, do que os medios e os sindicatos non están a falar en absoluto) e os recentes orneos do vicepresidente Chaves arredor da produtividade, creo que vou a comezar aplicando a translatio correspondente, recortando en entradas blogueiras e en actividade laboral. Tamén me aplicarei a fondo cos gastos correntes, e anque só sexa por amolar e arruinar a recaudación de impostos, penso esforzarme cunha folga de consumo brutal da que só salvo a gasolina do coche, algúns libros e o mínimo para seguir respirando. E iso porque non me deixan levar adiante os recortes onde querería, a saber, nos pescozos dos ministros e dos banqueiros. Eses deberan ser drásticos e moi sangrantes, que o espectáculo do axustizamento público compensa tódalas fames imaxinábeis. Guillotina no Obradoiro xa!!

Image