Na páxina 153 do libro "Gulag" de Tomasz Kizny hai unha foto dun estraño artiluxio de madeira, en forma de roda, empregado nas obras da canle mar Branco-mar Báltico. Ao pé da foto, o seguinte texto:
Estes martinetes primitivos accionábanse coa forza muscular dos prisioneiros, que camiñaban polo interior da roda de madeira. 'Para cravá-las estacas no chan, procédese do seguinte xeito: os prisioneiros fabrican grandes rodas refozadas con táboas; catro prisioneiros camiñan polo interior da roda e, cando a cabeza do martelo se eleva á altura desexada, o quinto prisioneiro tira da corda e a cabeza cae dando un golpe na estaca. Como máximo, pódense dar dez golpes nunha hora, ou sexa, cen golpes nunha xornada de traballo de 10 horas. Nunha xornada, os prisioneiros cravan estaca e media. Hai que chantar unhas cinco mil estacas'
O máis estremecedor para mín é a similaridade desta maquinaria infernal cos aparatos da escenografía constructivista que, uns anos antes, empregaba Meyerhold nas súas montaxes. Concretamente, a roda parece unha adaptación 'práctica' da maquina exterminadora de "A morte de Tarelkin".
É que a realidade supera con creces á ficción. Por iso quixera colar esta impresión como prólogo ou apéndice dun traballo meu sobre cine e teatro soviético que sairá en breve.
Quede aquí testemuñado.

