Mostrar mensagens com a etiqueta youtube. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta youtube. Mostrar todas as mensagens

terça-feira, fevereiro 15, 2022

唐詩三百首

Ou transliterado á escrita occidental, "Tang shi sanbai shou", é unha famosa antoloxía de arredor de trescentos poemas da dinastía Tang arrexuntada arredor de 1763 por Sun Zhu, da dinastía Qing. Dende o comezo tivo un espírito didáctico, e mediante ela, os mozos chineses introducíanse (onte e hoxe) na súa tradición poética clásica.

Ao longo dos últimos dous anos estiven a ler cada unha das entradas e a facer un vídeo con lectura e comentario na miña canle de youtube. Agora que cheguei ao derradeiro, déixovos aquí a ligazón á lista de reproducción por se fose do voso interese, anque xa vos advirto que está todo en inglés.

quinta-feira, maio 21, 2020

Kαι συ, youtuber?

Ben sei que vos teño un chisco abandonados no Pazo; parte deste desleixo débese ao traballo e á paternidade, cada un dos cales chucha intensamente no tempo libre do que antes gozaba o Mantedor, e ámbolos dous vense intensificados pola epidemia e o confinamento. E logo, claro está, o tempo para lecturas segue a ocupar un lugar prominente coma o único ocio / formación ao que só renuncio de moi mala gana. Porén, hai algo máis que me resta tempo para a escrita virtual, é a elaboración de vídeos: na miña canle de youtube estou a pendurar lecturas comentadas dos poemas da antoloxía chinesa 唐詩三百首 (Trescentos poemas da dinastía Tang) e notas/resumos doutra lectura coetánea dos diálogos de Platón. Se calquera destes eidos vos interesa podedes ir a botarlle un ollo, anque advirto de antemán que as estou a facer na koiné universal, a língua de Shakespeare.

domingo, julho 03, 2016

Tele educativa

Como probablemente supoñades, o certo é que non lle adico moito tempo ao televexo: o único programa que vexo tódolos días é o apartado do tempo na TVG, mentres almorzo; é que malia a presada de canles novas da TDT, non hai ningún que pague a pena -o exemplo máis notoriamente vergoñante, a canle 'Historia' (sic) que se limita a emitir programas de casas de empeños e de ovnis.

O contrario, pola contra, tópase a día de hoxe en Youtube, auténtica porta de entrada para unha posíbel televisión educativa, e que conta con canles moi ben feitas e de enorme interese académico, intelectual e (por qué non) recreativo. Dun tempo a esta parte fíxenme seguidor e audiencia de varias canles, cada unha das cales seguramente mereza unha reseña completa nesta bitácora. Neste introito, limitareime a sinalar brevemente algunhas das miñas favoritas con algunhas verbas breves que as describen:

Khan Academy: xa vos teño falado desta xente; o número de videos sobre as diferentes disciplinas académicas que teñen van medrando día a día.
PBS Spacetime: Unha canle moi amena sobre astrofísica, que sabe conxugar a densidade e o lúdico a partes iguais.
Numberphile: un dos múltiples fillos de Brady Haran, adicado ás matemáticas.
Crash Course: clases temáticas moi ben montadas de historia, literatura, filosofía, política, economía, etc...
Lyndybeige: un excéntrico e entrañábel inglés amante do pasado, das armas e tecnoloxías antigas e dos xogos de rol.
Skallagrim: experto en armas antigas de todo tipo.
Sixty Symbols:  canle de Brady adicada á divulgación da Física.
Periodic Videos: outra canle de Brady, co profesor Poliakoff facendo divulgación da Química.
Vi Hart: Matemúsica e doodleadora excepcional

... e hai moitos máis. Se non coñecedes ningún destes, recoméndovos que lle botedes unha ollada ao que vos chamen polos seus contidos, e vos divirtades aprendendo.