Mostrar mensagens com a etiqueta chutney. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta chutney. Mostrar todas as mensagens

segunda-feira, setembro 11, 2017

Chutney tasting # 4

Eis o último dos chutneys que fixera nos días folgados de dous anos atrás; nunca fun moi fan dos cabaciños, para mín a quintaesencia da comida san e de dieta: insipida e acuosa, moito mastigar e pouco saborear. O malo é que os condenados danse de vicio, e algo hai que facer con elas. Dado que zugan como esponxas o sabor do que lle botes, algúns empréganos en tortas e biscoitos. Logo de moito buscar unha receita de chutney para eles 'con algo poderoso' que lle metese algo de gusto, topei unha con cervexa negra e fixen a proba...


Image

Por suposto, alén dos dous ingredientes mencionados, había unha boa manchea de aromáticos, allo, xenxibre... o resultado foi o máis escuro e acastañado de todos estes prebes; o sabor segue sendo bastante suave, tirando ao doce.

Image

Ten o apto, anque este ano creo que vou probar cousas máis exóticas, con froitas e herbas aromáticas. E en menor cantidade: aínda teño moitos frascos na despensa coas coccións do verán do 2015...

sábado, outubro 08, 2016

Chutney Tasting # 3

Eis a terceira fornada de chutney que se cociñara o verán do 2015; neste caso, empregáramos tomates verdes, mesturados en certa medida con mazás e cebolas, alén de especies e algún froito seco.

Image
























A cor neste caso é a máis 'acastañada', o cal ten a súa lóxica, xa que os tomates que se empregaron nel non estaban vermellos; no que toca ás especias, creo que empreguei máis ou menos as mesmas que en casos anteriores.

Na primeira cata, o que primeiro me chamou a atención foi unha certa acidez; nas seguintes, o sabor xa se amosou máis complexo, doce, quizaves o máis 'afroitado' dos tres chutneys que se viron ata agora.

Image

Igual que ao previo, voulle conceder un apto; non é nada que quite o senso, mais acompaña de xeito delicioso calquera carne ou comida salgada (especialmente queixos).

sexta-feira, agosto 12, 2016

Chutney Tasting # 2

Toca falar hoxe da segunda fornada de Tomato Chutney que cociñara o ano pasado; a data de cocción como testemuña a lapela, foi o 28 de xullo do ano pasado.

Image
























Xa a partir da foto podedes constatar que a cor desta volta é dun vermello máis vivo e brillante, que pode ser o resultado dun tempo de fervedura menor que co chutney previo; na súa preparación incluín bastantes menos especias que a primeira volta, anque engadín máis pementón picante e guindilla; eis a razón de que o alcumase de 'Hot' na lapela.

Porén, na cata non me pareceu notar ese extra de picante que tería que ter, e que debeu amansar moito no ano que ficou preso e enfrascado. A textura é moi semellante ao previo, quizaves algo menos compacta; o sabor é menos doce e complexo: é moi claramente tomate, con poucos matices.

Image


















Concédolle de sobra o 'apto' na avaliación final, anque confeso que agardaba máis del, sobretodo no apartado do picante. Ao mellor engádolle tabasco a próxima volta...

domingo, maio 08, 2016

Chutney Tasting # 1

Anque non é a primeira ocasión en que probo as mostras enbotelladas da xenerosa producción tomateira do ano pasado, decidinme desta volta, e nun futuro, a ser un chisco máis sistemático, e a ir apuntando ingredientes e resultados destes pequenos esperimentos gastronómicos. Comezamos con esta primeira fornada de Tomato Chutney, fervida dous días despois do Día da Patría do 2015.

Image

























Malia pescudas varias, para este receita cinguinme ás indicacións de John Seymour no seu Self-sufficient Gardener, incluíndo cos tomates maduros unha boa porción de mazás, cebola, allo, xenxibre, vinagre, zucre e unha mistura de especias varias, pasas e dátiles que había pola casa. Creo lembrar que fun moi xeneroso cos productos aromáticos: algo máis do que en posteriores ferveduras.

A primeira impresión de textura e cor é bastante positiva: o chutney ten un agradábel ton entre vermello apagado e rubí. A textura é moderadamente consistente.

No padal é moi apreciábel a 'tomaticidade', anque sen acidez, unida a unha certa dozura avinagrada e especiada difícil de concretar. No rebumbio só recoñezo con claridade unhas notas de allo.

Image
























En combinación, funciona ben con queixo, anque se o sabor deste non é moi forte, o do chutney pode ser algo abrumador. Pregúntome como iría coa inclusión (no proceso ou despois?) dalgunhas herbas aromáticas (asubiote? ourego?).