Mostrando postagens com marcador LIBROS. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador LIBROS. Mostrar todas as postagens

2016/04/30

Onte naceu un crítico literario, chámase Adrián Boquete

E chegou o venres, tiña unha cita ilusionante, convidada pola asociación cultural deportiva Troula de Oroso ía participar nunha dobre presentación dos libros de Héctor Cajaraville Quen dá a quenda? e De remate publicados por Xerais, si, é tan prolífico o Héctor que lle hai que facer as presentacións dos libros xa de dous en dous!
Por certo, tiñades que ver que marabilla de escenario, tíñano todo preciosísimo, había unha portada xigante do libro De remate, e logo unha mesa á que non lle faltaba de nada, tiña os típicos botellos de plástico de auga cos vasos de calquera presentación pero logo había o “kit para a presentación perfecta” fágovos unha listaxe ordenada de todo o que traía para que vos fagades a idea:
1. un sombreiro modelo De remate para sentirte o protagonista da historia
2. un mantel de cadros vichí de cores que son os mellores cadros para toda merenda que se teña por tal
3. unha cafeteira con café por se alguén quedaba durmido de aburrimento
4. pan de molde e nocilla para untar e facer máis nutritiva a experiencia
5. un teléfono por se era necesario realizarlle algunha chamada urxente á meiga Divina para que nos solucionase calquera problemiña.
Como vedes, non faltaba de nada!
Sabía que ían intervir canda min Diego Boquete, que presentaría o acto, e Adrián Boquete do que nunca oíra falar. O caso é que chego á Casa da Cultura e preséntanme ao tal Adrián. Velaquí o tedes:

Image

Non é que eu non coñeza nenos, nin que me aterroricen nin nada semellante pero téñolles moitísimo respecto aos nenos que len porque para min son os mellores críticos do mundo e ademais alí había moitas nenas e nenos.
O caso é que comeza o acto e danlle paso a Adrián, e fíxoo tan ben, tan ben que case non me deixou cousa importante por dicir de Quen dá a quenda? Pero o mellor será que o vexades cos vosos propios ollos. Velaquí o vídeo da súa intervención:




Quedei abraiada porque Adrián escolleu xusto aquelas historias que son tamén as que máis me gustan a min do libro. Afortunadamente logo tiven a oportunidade de seguir a falar con el de libros e outras cousas e pareceume un rapaz ben interesante de coñecer. Habedes ter máis noticias del en breve, pero non vos quero adiantar acontecementos, prefiro que quededes coa intriga. Mentres déixovos unha foto que fixemos Adri e mais eu coa súperportada do libro De remate.

Image

Onte, 29 de abril de 2016, foi unha data importante porque onte naceu un crítico literario, chámase Adrián Boquete, non lle perdades a pista, eu non o vou facer.

2015/10/11

«De remate». «En memoria de Bieito Sanmarful» (booktrailer)


Nunca un booktrailer me deixara tan impresionada. Chega dende Brétemas este pequeno documental, non me atrevo a cualificalo de propagandístico, da novela gañadora do Premio Xerais deste ano, De remate, de Héctor Cajaraville. Parabéns a estes non actores que nos conquistan para a lectura sen que poidamos ofrecer a menor resistencia. Sinxelamente marabilloso!

2015/07/05

Que 8 libros galegos cres que hai que ler antes de morrer?


Image
Despois de ler a magnífica Historia da Literatura Infantil e Xuvenil Galega coordinada por Blanca-Ana Roig Rechou preguntábame como elixir uns poucos títulos ao ano entre tanta produción. Acordeime dun post de febreiro de 2007 no que Francisco Castro lle preguntaba ao público do seu blog que 8 libros galegos crían que había que ler antes de morrer, en menos dun mes publicaba unha listaxe de cinco obras saída desa votación.
Máis de oito anos despois, gustaríame que me axudases a escoller.
Que 8 libros galegos cres que hai que ler antes de morrer?

2015/05/17

Vivir, unha aventura irrepetíbel - María do Carme Kruckenberg (1926-2015)

Onte finaba en Vigo, a mesma cidade que a vira nacer, María do Carme Kruckenberg Sanjurjo.

Só tiven ocasión de vela cando Mercedes Queixas presentou en Vigo Vivir, unha aventura irrepetíbel coa presenza da autora na Casa Galega da Cultura o 5 de abril de 2011. Unha obra singular e excepcional que logo había gañar o Premio de Ensaio 2012 da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Dende aquela tiña esta débeda.

 

Aquí a carta-homenaxe de Mercedes Queixas á amizade entre as dúas escritoras.

2015/04/02

Día Internacional do Libro Infantil 2015

Talvez HOXE poderías recomendarlle un LIBRO,
e/ou agasallar cun libro,
e/ou lerlle un libro
e que a túa voz
faga MAXIA.

 
Image
 
Dende 1967, o 2 de abril, coincidindo coa data do nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, o IBBY (Organización Internacional para o Libro Xuvenil) promove a celebración do Día Internacional do Libro Infantil co fin de promocionar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos.

Todos os anos unha Sección Nacional é a encargada de elaborar unha mensaxe para todos os nenos e nenas do mundo. En 2015 esta mensaxe chéganos dos Emiratos Árabes Unidos, da man da escritora emiratí Marwa Al Aqroubi e a ilustradora Nasism Abaeian.

"Falamos diferentes linguas e vimos de diferentes orixes, mais compartimos as mesmas historias"
Historias internacionais… historias tradicionais
É a mesma historia que se nos conta a todos
En diferentes voces
En diferentes cores
Pero permanece inmutábel…
Comezo…
Argumento…
E fin…
É a mesma historia que todos sabemos e amamos
Todos a escoitamos
En diferentes versións de diferentes voces
Mais sempre é a mesma
Hai un heroe… unha princesa… e un vilán
Non importa a súa lingua, nin os seus nomes,
Nin as súas caras
É sempre o mesmo comezo,
Argumento
E fin
Sempre ese heroe… esa princesa e ese vilán
Inmutábeis durante séculos
Acompáñannos
Murmúrannos nos nosos soños
Arrólannos para durmir
As súas voces marcharon hai tempo
Pero viven nos nosos corazóns para sempre
Pois únennos nun mundo de misterio e imaxinación
Para que todas as culturas se fundan nunha única historia."

Marwa Al Aqroubi
Traducido ao galego por Antía Marante e Sabela González.
 

2015/03/22

A memoria da choiva I - Compilación do léxico


Image

Instrucións de organización do alumnado para a elaboración colaborativa do léxico da obra A memoria da choiva de Pedro Feijoo.



1A
1B
número na aula
páxinas
páxinas
1
1-14
269-282
2
15-28
283-296
3
29-42
297-310
4
43-56
311-324
5
57-70
325-338
6
71-84
339-352
7
85-98
353-366
8
99-112
367-380
9
113-126
381-395
10
127-140
396-410
11
COMPILADOR
411-426
12
141-154
REVISORA
13
155-168
427-441
14
REVISORA
442-456
15
169-182
457-469
16
183-196
COMPILADOR
17
197-210
COMPILADOR FINAL
18
211-254
exenta
19
255-268
REVISORA FINAL

FUNCIÓNS
BUSCADORES
  • Buscar nas páxinas adxudicadas o léxico descoñecido ou que poida presentar dificultades á hora de ser utilizado nunha creación textual.
  • O formato das entradas debe ser, palabra en negriña e con maiúscula inicial, dous puntos, definición. Ex.:
Palabra: Definición.
  • Ordenar ese léxico alfabeticamente.
  • Pasarlle o corrector.
  • Enviarlle un arquivo con identificación ao compilador do seu grupo.
COMPILADORES
  • Deben compilar o léxico de toda a súa aula.
  • Ordenalo alfabeticamente eliminando as posibles repeticións.
  • Pasarlle o corrector.
  • Comprobar que o formato de todas as entradas é igual.
  • Enviarllo á persoa encargada da revisión na súa aula.
REVISORES
  • Debe darlle a última revisión ao arquivo comprobando a orde alfabética, a revisión ortográfica e a non repetición de palabras.
  • Debe enviarlle o léxico da súa aula nun único arquivo ao compilador final.
  • Debe crear unha listaxe de correo da súa aula.
  • Debe enviarlle ao alumnado da súa aula a versión que lle facilite a revisora final.
COMPILADOR FINAL
  • Debe xuntar nun único arquivo os léxicos de todo o libro enviados polas dúas aulas.
  • Debe comprobar a orde alfabética e eliminar as entradas repetidas.
  • Debe pasarlle o corrector.
  • Debe comprobar que o formato de todas as entradas é igual.
  • Debe enviarlle o arquivo final á revisora final.
REVISORA FINAL
  • Debe darlle a última revisión ao arquivo comprobando a orde alfabética, a revisión ortográfica e a non repetición de palabras.
  • Debe enviar o arquivo a:
    • e aos revisores das dúas aulas para que á súa vez llelo faciliten aos seus compañeiros e compañeiras para que poidan ir avanzando no estudo do léxico de cara ao exame.
PRAZOS
Indícanse as datas límite para a entrega do traballo asignado.
  • Prazo compiladores: 8 de abril
  • Prazo revisores: 10 de abril
  • Prazo compilador final: 12 de abril
  • Prazo revisora final: 14 de abril
  • Exame do libro: 24 de abril

2014/11/30

A profa 3º ESO: Visita de Ledicia Costas

Image


A profa 3º ESO: Visita de Ledicia Costas: Mañá estreamos o mes de decembro cunha visita de luxo, vénnos ver Ledicia Costas. Con ela teremos a oportunidade de compartir palabras...


Image

2014/01/23

O valego. As falas de orixe galega do val do Ellas (Cáceres - Estremadura)

Image

O valego, lección de resistencia

PILAR PONTE
A colección Crónica de Xerais reservábanos como fin de festa para 2013 un interesante ensaio sobre as falas de orixe galega en Estremadura. Un estudo dialectolóxico? Si e non. A resposta será afirmativa en canto o obxecto de estudo, mais tanto polo contido do volume como polo seu obxectivo estamos perante unha obra que vai máis aló resultando unha lectura interesante non só para sisudos filólogos senón tamén para calquera persoa interesada en como a fala pode sobrevivir durante séculos grazas á conciencia idiomática e de comunidade diferenciada dos seus falantes.
O doutor Xosé-Henrique Costas actualiza, reestrutura e revisa de xeito conxunto os estudos realizados ao longo de dúas décadas de visitas ao Val do Ellas engadindo ademais materiais inéditos. Para isto achega a descrición da xeografía, onomástica, demografía e economía do val formado polos “Tres Lugaris”, realiza unha historia do galego nesta zona, desenvolve as hipóteses sobre o mantemento no tempo desta fala, delimita as falas obxecto de estudo e leva a cabo unha minuciosa descrición lingüística.
Resultan especialmente atractivos desde o punto de vista sociolingüístico o capítulo dedicado ao contexto lexislativo e político das linguas minorizadas en España, o que estuda a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, así como o que afonda na historia da reivindicación destas falas.
Como o autor recolle no epílogo, o que interesa é que o valego “se coñeza e se recoñeza, que se ame”.
COSTAS GONZÁLEZ, Xosé-Henrique: O valego. As falas de orixe galega do val do Ellas (Cáceres – Estremadura). Edicións Xerais de Galicia. Vigo, 2013. 278 páxinas.
Este texto foi publicado o xoves 9 de xaneiro de 2014 no suplemento Faro da Cultura de Faro de Vigo.

2014/01/20

Made in Galiza - 1ª semana

Image
Arrincamos con Made in Galiza, para estudar esta obra imos utilizar a guía de lectura Lendo Made in Galiza.
  • O compromiso de lectura é ter lido para o xoves 23 de febreiro ata a páxina 26 incluída, isto é, os cinco primeiros textos da obra.
  • Do apartado Antes de leres o libro, realiza as actividades 4, 5, 6 e 7. 
  • Do texto Curtametraxe, realiza a actividade 80.
  • [Actividade de carácter voluntario] Do texto Uf, realiza o podcast da actividade 225.

2014/01/19

Ámote Leo A. - 2ª semana

Image
Fotografía de Fashion, Glam and Life.

LISBOA
  • O compromiso de lectura é ter lido para esta segunda semana ata a páxina 45 incluída.
  • Que leva Leo de Lisboa?
  • Que autores e lecturas aparecen ata a páx. 45 na novela? Elixe algo que che guste de tres deles e tráeo á clase.
  • Coñeces Lisboa? Resume a túa impresión sobre a cidade. En caso contrario, dános a túa impresión sobre calquera cidade que coñezas de xeito que poidamos vela a través dos teus ollos.

2014/01/17

Ámote Leo A. - Destino xalundes

LEO NON É BARBIE
Pilar Ponte

Image

Prefiro espirme dende un comezo e confesar a miña debilidade pola escrita de Rosa Aneiros. Foi por iso para min un motivo de ledicia saber desta Ámote Leo A. Destino xalundes, e todo un agasallo que fose a primeira entrega dunha triloxía que continuará en xaneiro e xuño do vindeiro ano.
E comezas a ler e convérteste en Leo, nunha universitaria antes de se incorporar ao mundo laboral dos adultos, e visitarás lugares (Lisboa, Granada, Barcelona, Marrakech…), coñecerás xente, pensarás que os cartos non che chegan, aprenderás dos demais, e, sobre todo, aprenderás de ti.
Cáesme ben, Leo, e creo tamén que me gustas tanto porque es ti e asemade a que quixeramos ser moitas de nós que no seu momento non tivemos a afouteza que cumpría para afrontar unha viaxe iniciática como a túa na que nos atopar antes de emprendermos viaxes compartidas. Fascínasme porque me ensinas que Xalundes (agora xa con maiúscula) agarda por nós. Viaxo contigo páxina a páxina porque tes unha nai odiosamente protectora como todas as nais, porque es rabuda coma ti soa e porque non te pareces en nada a unha Barbie colgada dun Ken.
Mais Leo non viaxa soa, alguén lle deixa mensaxes de amor nun cartel, nun muro, no chan… quen está a facer a viaxe canda ela? quen lle declara o seu amor dende o anonimato? Si, a de Valdoviño atrápanos na tea do seu suspense, e teñas a idade que teñas desexarás ter rematado este curso a carreira.
Algúns xa estamos preparados para a segunda (Estación de tránsito) e a terceira (Terminal de… chegadas?) entregas, anímote a que emprendas o teu particular Destino xalundes con Leo A.

Este texto foi publicado o xoves 12 de decembro de 2013 no suplemento Faro da Cultura de Faro de Vigo.

2014/01/12

Ámote Leo A. - 1ª semana


Image
Nesta primeira semana realizaredes o Mapa sentimental de Leo A. baseándovos na información aparecida nas páxs. 11-15. Neste texto de reflexión daredes conta de cal é a situación de Leo e que circunstancias a rodean en canto aos afectos.

2013/10/30

Agustín Fernández Paz a un chío de distancia

 Image

O alumnado dun dos clubs de lectura da biblioteca do IES Pobra do Caramiñal vén de escoller como primeira lectura este curso O centro do labirinto.

Esta é a novela dos 50 anos de Agustín Fernández Paz, en Sara tamén dá conta das súas "paranoias" persoais :-)

Image
Agustín co seu pin de Prolingua na lapela.

Hoxe o autor confesou no seu Twitter que na escrita deste libro estivo moi presente a lectura do poema "Límites" de Jorge Luis Borges (Arxentina, 1899-1986).

Hay una línea de Verlaine que no volveré a recordar,
Hay una calle próxima que está vedada a mis pasos,
Hay un espejo que me ha visto por última vez,
Hay una puerta que he cerrado hasta el fin del mundo.
Entre los libros de mi biblioteca (estoy viéndolos)
Hay alguno que ya nunca abriré.
Este verano cumpliré cincuenta años;
La muerte me desgasta, incesante.

Jorge Luis Borges en Antología personal (1961), incluido en Antología de la poesía hispanoamericana contemporánea. 1914-1970 (Alianza Editorial, Madrid, 1971, ed. de José Olivio Jiménez).
Vía asamblea de palabras.

Que marabilla vivir esta época na que podes ter as persoas que admiras a un chío* de distancia.
*chío (tuit en galego)

2013/10/18

Contos de soños e sombras



Entre o medo e o terror
PILAR PONTE
 
Contos de soños e sombras de Ariza Piñeiro aparece na meritoria colección Alcaián de UrcoEditora, unha aposta por zume novo na arte da palabra. 
 
Image
Este libro de relatos móvenos entre o medo e o terror con finais por veces sorprendentes ao gusto de Dieste (“A rapaza do meu soño”). O soño convértese nun elemento nuclear ao redor do que xiran obsesivamente varias das historias. O mundo do inconsciente é o punto de conexión entre a realidade e o mundo das tebras, a regaña pola que se coan almas que buscan vinganza ou que nos veñen buscar para nos levar canda elas.
Un dos acertos creativos do autor é o seu aproveitamento da nosa traxectoria fílmica, que lle permite aforrar na parte narrativa porque abonda con suxerir para provocar en nós a imaxe impactante, sabedor de que xa ten gravada nos nosos ollos toda unha cinematografía do terror previa. Contribúe tamén a isto a presenza do Ariza guionista, de tal xeito que o diálogo rápido é quen leva todo o peso da trama precipitándonos cara a uns finais fatais (“Xamais voltarei ao pazo”).
Mais non todas as historias son de medo, e así temos “A lenda do pequeno trasno”, unha fermosa metáfora en clave trasno dos mecanismos de represión utilizados polos centros de poder.
Desexamos que Ariza Piñeiro teña unha vizosa carreira literaria e que non se demore en nos ofrecer o seu próximo froito.
ARIZA PIÑEIRO, César: Contos de soños e sombras. Urco Editora. Colección Alcaián. A Coruña, 2012. 208 páxinas.
_____

Este texto foi publicado en outubro 2013 no suplemento Faro da Cultura de Faro de Vigo.

2013/10/10

Manuel Lueiro Rey (1916-1990) A liberdade ferida

A homenaxe colectiva
PILAR PONTE 

Con Manuel Lueiro Rey (1916-1990) A liberdade ferida realízase un acto de xustiza cun autor do exilio interior, ese exilio moito tempo infravalorado no seu labor de sostén da vida cultural galega durante o período da ditadura franquista.

Image
Na obra, aqueles que tiveron un contacto directo co escritor e xornalista van construíndo o seu perfil biográfico. Atopamos aquí o que o coordinador do volume, o escritor e estudoso Ramón Nicolás, deu en chamar a “causa Lueiro”, un círculo dos afectos ao redor do autor de Fornelos de Montes. É por iso que non cabe falar dun ensaio ao uso, xa que se abandona aquí o estudo distante para sentir que “as lembranzas son difíciles”, como recoñece o fillo do autor, e entramos nese roce pel con pel.
Image
Intervención de Ramón Nicolás na presentación do libro no Grove (Fotografía de Todo Grove).
O volume avanza con estudos sobre a obra da que se ofrecen textos inéditos e chegamos a entender como o contacto coa xente da emigración en Arxentina vai influír no paso do castelán ao galego no autor.
Este libro contén ademais unha homenaxe artística colectiva na que participan máis dunha vintena de autores e autoras de diferentes xeracións creativas con producións que van dende a ilustración ata a poesía e a prosa pasando pola caricatura, completando deste xeito un fermoso mosaico de admiración e solidariedade.


NICOLÁS RODRÍGUEZ, Ramón (Coord.): Manuel Lueiro Rey (1916-1990) A liberdade ferida. Edicións Xerais de Galicia. Vigo, 2013. 224 páxinas.
_________

Este texto foi publicado o 10 de outubro de 2013 no suplemento Faro da Cultura de Faro de Vigo.

2013/10/05

"Feminismos" e aprender a estar


PILAR PONTE

Cando vin o filme A onda (2008) de Dennis Gansel que demostra como calquera cidadán democrático é susceptible de ser manipulado para se converter en parte dun sistema ditatorial, pensei que debería ser obrigatorio para todas as persoas o seu visionado para saber estar alerta en democracia. Despois de ler Feminismos, teño unha sensación semellante, a de ter asistido a unha ensinanza fundamental que debería ser compartida e xa non hei esquecer. 

Image

Este volume a catro mans chega a nós grazas á profesora Olga Castro (que nace así de forma exitosa para o ensaio longo despois dunha ampla experiencia en artigos académicos e divulgativos) e á polifacética María Reimóndez (tradutora, ensaísta, novelista, poeta, activista...) que constrúen un ensaio divulgativo rigoroso e ameno que espero teña un longo percorrido lector na nosa sociedade.


ImageImage











A obra estrutúrase en catro grandes bloques de achegamento ao tema. O primeiro deles está dedicado a establecer unhas liñas definitorias mínimas do que podemos considerar feminismos. O segundo bloque dá conta das voces múltiples dos feminismos en Occidente, en Asia ou en África, aquí haberemos de atopar, tamén, un apartado destinado especificamente ao desenvolvemento dos feminismos en Galicia de indispensable lectura, pois estrutura e visibiliza movementos e persoas dende a Idade Media ata os nosos días. O terceiro bloque titulado “Temas planetarios” é especialmente interesante en canto analiza aquelas problemáticas comúns como a violencia de xénero, a maternidade ou a orientación sexual que percorren todo o planeta. O ultimo bloque, “Os feminismos e as disciplinas” ensínanos como os feminismos contribuíron a cambiar as formas de ver e facer nos diferentes ámbitos da cultura, por exemplo no ensino onde están a defender unha escola coeducativa que persegue a pluralidade, a liberdade e a igualdade. Ademais, o libro inclúe un completo índice analítico así como tamén, unha bibliografía recomendada moi actualizada.

Feminismos non só é unha transmisión de datos, é a experiencia de aprender a estar na vida como muller, privativa das mulleres, e porén necesitada tamén dos homes. É a vivencia de se saber pertencente a “esa inmensa revolución pacífica que día a día muda todas as sociedades para facelas máis democráticas”, unha obra que deixa pouso no corazón.

CASTRO, Olga / REIMÓNDEZ, María: Feminismos. Vigo, 2013. 292 páxinas.
_________

Este texto foi publicado en 2013 no suplemento Faro da Cultura de Faro de Vigo.

2013/09/03