Mostrando postagens com marcador crítica. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador crítica. Mostrar todas as postagens

2016/04/30

Onte naceu un crítico literario, chámase Adrián Boquete

E chegou o venres, tiña unha cita ilusionante, convidada pola asociación cultural deportiva Troula de Oroso ía participar nunha dobre presentación dos libros de Héctor Cajaraville Quen dá a quenda? e De remate publicados por Xerais, si, é tan prolífico o Héctor que lle hai que facer as presentacións dos libros xa de dous en dous!
Por certo, tiñades que ver que marabilla de escenario, tíñano todo preciosísimo, había unha portada xigante do libro De remate, e logo unha mesa á que non lle faltaba de nada, tiña os típicos botellos de plástico de auga cos vasos de calquera presentación pero logo había o “kit para a presentación perfecta” fágovos unha listaxe ordenada de todo o que traía para que vos fagades a idea:
1. un sombreiro modelo De remate para sentirte o protagonista da historia
2. un mantel de cadros vichí de cores que son os mellores cadros para toda merenda que se teña por tal
3. unha cafeteira con café por se alguén quedaba durmido de aburrimento
4. pan de molde e nocilla para untar e facer máis nutritiva a experiencia
5. un teléfono por se era necesario realizarlle algunha chamada urxente á meiga Divina para que nos solucionase calquera problemiña.
Como vedes, non faltaba de nada!
Sabía que ían intervir canda min Diego Boquete, que presentaría o acto, e Adrián Boquete do que nunca oíra falar. O caso é que chego á Casa da Cultura e preséntanme ao tal Adrián. Velaquí o tedes:

Image

Non é que eu non coñeza nenos, nin que me aterroricen nin nada semellante pero téñolles moitísimo respecto aos nenos que len porque para min son os mellores críticos do mundo e ademais alí había moitas nenas e nenos.
O caso é que comeza o acto e danlle paso a Adrián, e fíxoo tan ben, tan ben que case non me deixou cousa importante por dicir de Quen dá a quenda? Pero o mellor será que o vexades cos vosos propios ollos. Velaquí o vídeo da súa intervención:




Quedei abraiada porque Adrián escolleu xusto aquelas historias que son tamén as que máis me gustan a min do libro. Afortunadamente logo tiven a oportunidade de seguir a falar con el de libros e outras cousas e pareceume un rapaz ben interesante de coñecer. Habedes ter máis noticias del en breve, pero non vos quero adiantar acontecementos, prefiro que quededes coa intriga. Mentres déixovos unha foto que fixemos Adri e mais eu coa súperportada do libro De remate.

Image

Onte, 29 de abril de 2016, foi unha data importante porque onte naceu un crítico literario, chámase Adrián Boquete, non lle perdades a pista, eu non o vou facer.

2010/05/24

Sobre Ás de bolboreta de Rosa Aneiros

Image
 
Lin con moita atención esta crítica en Trafegando ronseis de Gracia sobre Ás de bolboreta de Rosa Aneiros e non concordo en absoluto. É máis, creo que algúns dos méritos da obra son os que alí se sinalan como defectos.
É un retrato da globalización onde non hai máis fío argumental que O Luzada, o universo-bar onde conflúen as personaxes, porque non se precisa que o haxa, non é unha historia senón un cruzamento delas.
No haber da obra sinalaría esa esixencia dun lector activo do que se require que pense, relacione e deduza, unha característica que se perdería se a autora optase por unha disposición lineal das historias, que están organizadas sen fendas narrativas nun encaixe meritorio que ademais permite diferentes niveis de lectura segundo a preparación de cada lector.
Outro acerto, desde o meu punto de vista é esa falta de intromisión autorial deixando que coñezamos as personaxes a través das súas propias palabras, cun traballo dos diferentes rexistros lingüísticos que poucas veces vin, velaí simplemente as parellas do avó Manuel e o neto, ou Milhomes e Paco.
En canto á amabilidade temática, eu máis ben falaría dunha "aparente amabilidade" porque todas as historias da novela son bastante crúas e nalgún caso mesmo desgarradoras.
En definitiva, lamento que non lle gustase unha obra da que eu gocei enormemente e da que, ao traballar logo con ela, aínda gocei maís.

2010/03/07

Desván de los Monjes by Roberto Varela



Desván de los monjes, en palabras de Roberto Varela, actual conselleiro de cultura da Xunta de Galicia, no segundo 18' verase que mentira non era.

2009/10/12

Contra o silencio

ImageClicando na imaxe do texto poderás ler a miña colaboración no suplemento Faro da Cultura de Faro de Vigo sobre a obra de F. X. Redondo Abal, O fulgor e as tebras sobre as bibliotecas na II República.
ImagePodes ler unha entrevista a Francisco Xavier Redondo Aval nas páxinas de Fervenzas Literarias.
Tamén podes atopar outras reseñas sobre a obra aquí, no Blog de César Salgado.

2009/07/01

Andrea Ramos Queixas

Image
Otero Pedrayo ten unha obra que se titula O libro dos amigos publicada en 1952, dise del que esa obra constitúe ademais dun retrato dos amigos do autor, tamén a propia autobiografía de Otero. Sempre me marabillou ese título, creo que para poder facer un libro que se titule así un ten que ser por forza boa persoa. Os que queremos onda nós defínennos e fan tamén de nós mellores ou peores persoas.
Desde logo, eu estou moi lonxe de Otero, mais levei unha alegría da que quero deixar constancia aquí. Hoxe lin a primeira publicación en web dunha recomendación literaria da miña amiga Andrea Ramos Queixas no blog da editorial Galaxia.

Image
O mérito é para os dous, para ela por saber recomendar e para a editorial por elixir ben as súas recomendadoras.Image
Deixo imaxes do acontecemento neste blog para podelo lembrar ben cando o espírito o requira.
Parabéns Andrea.

2009/06/22

Críticas

Image

"O problema da crítica é que non toda é profesional. Unha cousa é falar da xente da Universidade, como Arturo Casas ou Dolores Vilavedra ou María Xesús Nogueira, ou veteranos dos medios de comunicación, como Eyré, e outra moi distinta é falar dos que de súpeto, un día, empezan a publicar nos xornais e con catro brochadas despachan unha obra."
Marilar Aleixandre

Concordo parcialmente co que sostén Marilar Aleixandre, iso si, faría unhas cantas puntualizacións:

Profesional, o que se di profesional, creo que no SLG non contamos con ninguén, eu polo menos non sei de ningún caso de alguén que viva da crítica literaria.

Para min a crítica literaria galega dividiríase en dous grandes grupos: a crítica especializada e os outros.

Teriamos un primeiro grupo onde, efectivamente, podemos sinalar uns cantos casos de persoas cunha formación incuestionable, a maioría delas situadas na universidade, que virían realizar o que eu denominaría “crítica especializada”, se se me permite a etiqueta para diferencialas daquelas pertencentes ao grupo seguinte. As producións destas autoras e autores distinguiríanse por tres factores:
- Polo xeral aparecen en publicacións especializadas.
- Requiren dunha extensión textual máis ampla que permite unha maior análise das obras.
- Adoitan dirixirse a un lector culto que domina, ou cando menos coñece, as claves do discurso crítico.

Fronte ao anterior, temos un segundo grupo, ao que poderiamos denominar “os outros” que abranguería o resto da produción crítica para a que podemos sinalar as seguintes características:
- Na autoría atopamos mesturadas persoas cunha formación notable con outras que practicamente carecen dela (como é o meu caso).
- Non dispoñen dunha extensión textual ampla de xeito que polo xeral se teñen que cinguir a formatos xornalísticos curtos bastante limitadores.
- Normalmente a forma de publicación é a través da prensa en artigos inseridos en suplementos culturais específicos ou directamente nas páxinas de cultura dos periódicos.
- En moitas ocasións o seu obxectivo está a medio camiño entre a difusión da obra e a súa valoración crítica.
- Adoitan dirixirse ao lector medio consumidor de xornais, unha persoa sen unha formación crítica especializada.

Persoalmente, gústanme os textos que me informan de lecturas como o fan os meus amigos, creo ademais que no público lector de xornais debe de haber unha porcentaxe importante de persoas que desexan que lles fales dos libros desoutra maneira, que queren saber que libro lles recomendas para ir á praia, cal está ben para ter unha visión diferente da guerra civil e cal para agasallar ao seu sogro que non le nada. Para min esa é a maioría do mercado e é a esas persoas a quen temos que gañar para o mercado cultural galego. Unha cousa non ten por que ser incompatible coa outra, as dúas son necesarias, ao mellor resulta que deberiamos empregar diferentes conceptos para designar producións que ás veces só teñen en común o feito de se basearen en textos escritos.

Ser novo nun labor ten as súas desvantaxes e é certo que a inexperiencia tamén pode levar a cometer a inxustiza de xulgar de xeito errado o traballo dos outros, iso é inevitable, neste sentido só nos servirá de axuda pensar que obramos de boa fe. Pero tamén hai que dicir, que nunca vin a ningunha escritora nin escritor queixarse dunha crítica que falase ben dunha obra súa aínda que non estivese ben argumentada ou fixese lecturas erradas do texto.

Como a crítica de Marilar Aleixandre non leva nome e apelidos doume por aludida en canto participo no Faro da Cultura de Faro de Vigo desde o comezo do suplemento sen ter maior formación que a miña condición de filóloga e profesora en ensino medio. Fágoo porque tamén me parece mal facer como que non se dixese nada, creo que actuar dese xeito é minusvalorar a opinión dunha autora a quen lle teño o maior dos respectos e ademais estou segura de que se fose un escritor quen tivese dito o mesmo nun medio de comunicación quizais estariamos a estas alturas vendo algunha que outra reacción.