Mostrando postagens com marcador homenaxes. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador homenaxes. Mostrar todas as postagens

2012/10/13

Máis que un fotógrafo: Guillermo Cameselle

Image

Esta semana faleceu o xornalista gráfico Guillermo Cameselle (Vigo 1951-2012) despois de trinta anos de traballo en Faro de Vigo.

Os fotógrafos en moitas ocasións son os irmáns pobres do xornalismo en tanto que se minusvalora o seu traballo fronte ao do sacrosanto redactor. Un fotoxornalista ten que ser retratista, paisaxista, fotógrafo deportivo e o que se lle poña por diante, e rapidiño que en corenta e cinco minutos hai que estar ao outro lado da cidade porque alguén inaugura non sei que cousa.

Image
O instante preciso.

Image
O enfoque exacto. 

Image
A captura do espírito.
Image
A construción da nosa memoria histórica.
Durante os meus anos na sección de corrección e cerre de La Opinión A Coruña tiven a oportunidade de traballar canda eles e de comprobar como ás veces a forza do costume trivializa a arte, pero moitas outras é o disparo certeiro o que mellor capta a esencia da noticia e enche de verdade sen intermediarios a páxina do xornal. 

Vaia dende aquí a miña homenaxe a Guillermo Cameselle e a todos os xornalistas gráficos galegos que día a día constrúen a nosa memoria histórica en imaxes.

*As fotografías que ilustran este post son da autoría de Guillermo Cameselle e están tiradas da fotogalería de Faro de Vigo.

** Acabo de dar con este post sobre Cameselle en Brétemas.


2012/06/08

Homenaxe nacional a Agustín Fernández Paz

Image
Agustín nos Xerais de 2009. (Fotografía de Aprofa)

A plataforma cidadá ProLingua quere convidalo á Homenaxe Nacional que se lle renderá ao escritor Agustín Fernández Paz o vindeiro 30 de xuño de 2012 en Vigo. O acto, que será conducido por Rosa Aneiros, terá lugar ás 12:30 horas na Sala Auditorio do Centro Social Novacaixagalicia (Rúa Policarpo Sanz, 26). A seguir haberá un xantar programado para as 15:00 no Restaurante Carrís de Vigo ( Avda. Beiramar, 57).

Image

Moito lle habemos agradecer que nos confirme o antes posible a súa presenza, tanto no referido ao acto de homenaxe como ao xantar posterior. No caso de acudir tamén a este último, informamos que o número de prazas é de 250 que se reservarán por rigorosa orde de recepción, e o prezo pactado para cada comensal de 40 euros. Para calquera dos casos as reservas faranse neste enderezo de correo-e [email protected]
O importe do xantar deberá abonarse a través dun ingreso na conta de Novagalicia Banco número 2080 0220 94 3000030913, facendo constar o nome da persoa que fai a reserva e poñendo no recadro do concepto: Homenaxe a Agustín Fernández Paz. Esta será a única reserva válida e deberase mostrar o comprobante do ingreso para participar no xantar.
Co desexo de velo ese día preto de Agustín, reciba un afectuoso saúdo.
A Cerna de ProLingua
P. S
1. A fin de organizar as cousas o máis ao gusto das persoas que asistan, rogamos a aquelas que vaian vir ao xantar que nos indiquen a súa preferencia por peise ou carne no menú do segundo prato.
Para as persoas que non manifesten a súa preferencia entenderemos que prefiren que se lles sirva o menú de carne.
Tamén lle rogamos, co mesmo fin, que nos indique se prefire un menú vexetariano ou se precisa que se lle sirvan un menú especial para celíacos/as
2. Ao mesmo tempo rogámosvos que difundades a noticia da celebración desta homenaxe entre aquelas persoas que sabedes que lle teñen afecto a Agustin e pensades que puidera non chegarlles este convite.

2010/05/25

Grazas por ese inmenso raio, blogueiro entre os blogueiros!

Image

Un lóstrego

por Marcos Valcárcel

Ourense, 24 de maio de 2010

Aproveito a amabilidade do amigo Juan, un dos meus coidadores, para enviar estas liñas a todos os amigos e amigas.
Son de agradecemento a todas as entidades que nos últimos tempos me dedicaron o seu apoio ou recoñecemento, como o Pen Clube de Galicia, a Asociación de Escritores en Lingua Galega, a Asociación de Editores Galegos e o Liceo de Ourense.
Grazas a Xosé Luís Baltar por defender con éxito a miña candidatura ao premio Otero Pedrayo 2008, e á Presidencia da Xunta de Galicia por concederme a medalla Castelao.
Grazas tamén á Fundación Curros Enríquez, ao Congreso Manuel Luís Acuña, á Fundación Carlos Casares, ao grupo Sarabela e aos medios de comunicación.
Grazas aos meus compañeiros do Instituto da Carballeira, os mellores do mundo. Grazas aos amigos que organizaron a homenaxe do 2008 e o libro Marcos Valcárcel, o valor da xenerosidade, con máis de duascentas colaboracións de escritores e artistas. Os amigos foron un diamante en bruto e un apoio constante: Benito Losada, Afonso Monxardín, Eduardo Núñez, César Ansias, Moncho Quintana, Xosé Luís Troitiña, Xoán Fonseca, Pepe Trebolle, Xulio Outomuro, Millán Picouto, e as súas donas.
Grazas ao meu irmán Fiz e a Ánxela polas xornadas fresqueiras ao pé dos carballos da súa casa no Pereiro.
E, por suposto, a María e a Eire: por todo.

Aproveito para despedir voces amigas, destacadas na nosa historia cultural: Anselmo López Morais, Manuel de Dios, Begoña Muñoz, Javier Randulfe e Perfecto Estévez.
“A vida, un lóstrego entre dúas escuridades”, escribiu o poeta Vicente Aleixandre. Até o labrego que vive nunha aldea na montaña deixa ese lóstegro entre os seus seres amados.Escoito a cantante brasileira María Bethânia e encontro este verso:”Navigar é preciso; viver nao é preciso”.
Navigar, descubrir a vida en cada minuto, deixar as fiestras abertas e reconciliarse coa TERRA.

Nota dos Amigos de Marcos:
O coidador foi apañando palabra a palabra, letra a letra nos casos de dúbida, para escribir este texto nas longas noites desta primavera. Con el péchase definitivamente o vizoso ciclo d´As Uvas na Solaina. Moitas grazas a todos e todas.